A CIG pide a retirada da proposta de modificación do EBEP e que o Ministerio presente outra nova

Denuncia a suspensión da xuntanza que xa estaba prevista e teme que se estea negociando por detrás

Nacional -

A CIG solicita a retirada da proposta de modificación do Estatuto Básico do Empregado/a Público/ (EBEP) e que se presente unha nova proposta. Cuestiona ademais a xestión da negociación, para a que estaban comprometidas todas as xuntanzas necesarias, pero que foi suspendida de forma unilateral polo Ministerio.

A primeira xuntanza do grupo de traballo celebrárase o pasado día 24 de maio. Na mesma sinalábase como data da seguinte reunión o día 27 de maio. O propio secretario xeral do Ministerio afirmaba nesa xuntanza que tiña a axenda libre para reunirse todos os días que fixera falta para acelerar as negociacións. Porén, ao día seguinte, a central sindical recibía unha comunicación pola que se cancelaba a reunión prevista coa escusa de darlle prazo aos sindicatos para presentar alegacións, cando todos aceptaran a data proposta.

A CIG pon en cuestión a decisión de suspender as reunións e que se solicite agora que se remitan as alegacións por escrito. A central sindical témese que os sindicatos estatais, que mantiveron un hermetismo absoluto e para nada informaron desa xuntanza, estean negociando por detrás, como ten acontecido noutras ocasións, para chegar a un acordo.

A CIG xa adianta que promoverá mobilizacións no caso de que non se retire a proposta tal e como está.

Retirada da proposta

Función Pública afirmou na reunión do 24 de maio que a reforma sobre a temporalidade  descansaría sobre tres patas: modificación do EBEP; flexibilización da taxa de reposición (en ningún caso eliminación) e proceso de estabilización vinculado co compromiso expresado polo Estado no documento enviado á UE para os fondos europeos

Para a CIG non se pode chegar a acordos no ámbito da Mesa Xeral cando o único que se presentou foi unha das tres “patas”, a do EBEP. A posición da central sindical nun tema de relevancia como o das medidas para reducir a temporalidade é que se debe facer nun marco de respecto ás miles de persoas que veñen ocupando postos de traballo como persoal interino ou temporal, nun claro abuso da contratación temporal.

A reforma do EBEP, sen procesos de consolidación e sen claros mecanismos de sanción, non soluciona o problema nin busca saída para quen durante anos foron vítimas da temporalidade abusiva.

Nova proposta

Fronte a isto a posición da CIG descansa sobre tres eixos fundamentais e así foron trasladados nun escrito remitido ao Ministerio de Función Pública tras a cancelación unilateral da segunda reunión:

  • ELIMINACIÓN DA TAXA DE REPOSICIÓN. Cada administración pública debe poder dimensionar os seus cadros de persoal e decidir sobre a xestión dos servizos que presta, en función das súas propias capacidades orzamentarias. Para isto, é imprescindíbel que desaparezan as taxas de reposición con carácter básico da lexislación do Estado.
  • PROCESOS EXCEPCIONAIS. Debe articularse unha solución excepcional ao problema da temporalidade acumulada, apostando por uns verdadeiros procesos de consolidación de emprego, e na necesidade de respectar os ámbitos de negociación, tanto a nivel territorial como nos diferentes sectores que o propio EBEP recoñece a súa especificidade (educación, sanidade).
  • RÉXIME SANCIONADOR E REPARADOR. É fundamental fixar un marco sancionador moi estrito e contundente con aquelas administracións que incumpran a norma, identificando ás persoas responsábeis dos órganos que non cumpran. Mais tamén deben existir medidas reparadoras co persoal temporal que foi ou é vítima do abuso na contratación temporal.

Canto ao texto presentado, a CIG considera que hai unha clara intencionalidade de incorporar medidas no EBEP para blindar e protexer as propias administracións diante dos bandazos que están a dar os tribunais de xustiza. Así se evidencia con estas incorporacións ao EBEP:

  • que o nomeamento de interino non dá lugar a ningún tipo de recoñecemento de condición de funcionariado de carreira ou permanencia.
  • que no caso de cese do persoal interino non se xera dereito á indemnización

Para a CIG o estabelecemento dun período de proba é innecesario e improcedente , xa que un dos motivos de cese xa é a falta de capacidade ou rendemento, o que levaría consigo un expediente disciplinario. Fixar o período de proba pode introducir arbitrariedade polo que a central sindical está en desacordo e demanda a retirada.

A medida de cesar ao persoal interino despois dos 3 anos, penalizando á persoa e o servizo público sen que se poida cubrir a vacante durante un ano é ademais “un despropósito”. Se queren evitar o abuso na contratación temporal que sancionen duramente á persoa ou persoas á fronte dos órganos de persoal que o permiten, mais que non fagan recaer a penalización no persoal interino e nos propios servizos públicos.

Outro dos apartados máis preocupantes da proposta do goberno estatal é a negación expresa do dereito á carreira profesional do persoal interino mentres no acade a condición de funcionariado de carreira. Estamos diante dunha medida impresentábel, que vai contra dereitos adquiridos en moitos casos grazas a sentenzas e conflitos xudiciais promovidos pola CIG (os sexenios docentes ou a carreira profesional na administración xeral da Xunta) e acordos que incorporan o persoal interino na carreira profesional (SERGAS). A CIG está totalmente en contra dunha medida que considera regresiva e que prexudicaría a miles de persoas polo mero feito de ser interinas malia realizar o mesmo traballo.

A CIG amosa a súa incredulidade diante das cifras de prazas a convocar e dos seus efectos

En diferentes declaracións do ministro Iceta e dos responsábeis do Ministerio na Mesa Xeral cifráronse nun mínimo de 300.000 as prazas que se deberán ofertar no presente ano 2021, nun calendario que se estendería para facer todos os procesos convocados até o 2024.

A certeza dos datos dos denominados “procesos de estabilización” vinculados cos pactos dos sindicatos estatais co goberno español non deixa lugar a dúbidas. Segundo datos do propio goberno (de abril de 2021) houbo un total de 218.671 prazas autorizadas para incorporar en ofertas de emprego público.

Porén, tan só se ofertaron 154.483 prazas (é dicir, non se ofertaron o 30% das prazas inicialmente previstas). Destas só se cubriron 56.236, o que implica que tan só o 25% das prazas que se venderon como de “estabilización” chegaron a se transformar en fixas no conxunto do Estado e no total dos sectores (ensino, sanidade, xustiza, administración xeral..). Con estes precedentes, a CIG amosa a súa incredulidade sobre se realmente se van cubrir as cifras anunciadas polo Ministerio. 

Volver