A CIG pide á Xunta axilidade na busca de proxectos alternativos e na creación de chan industrial nas Pontes

Demanda tamén que os Gobernos presionen a Endesa para tirarlle compromisos de futuro da comarca

As Pontes -

A CIG reclamou este mañá durante a reunión que o presidente da Xunta, o conselleiro de Industria e o director xeral de Enerxía e Minas mantiveron co comité de crise das Pontes que centre esforzos na busca de proxectos alternativos e na consolidación de chan industrial onde instalalos, así como presionar a Endesa para arrincarlle compromisos reais co futuro das Pontes. Ao tempo, os traballadores e as traballadoras das auxiliares continuaron un mércores máis co calendario semanal de mobilizacións en demanda dunha transición xusta e garantías de emprego.

Neste encontro, o presidente da Xunta anunciou a creación, en colaboración da Deputación da Coruña, dunha oficina para a reindustrialización das Pontes coa finalidade de "captar proxectos de futuro". Unha iniciativa que, a xuízo da CIG pode quedar nun simple anuncio de campaña xa que ningún dos responsábeis políticos explicou cando botará a andar, como se vai financiar ou como se organizará a súa xestión.

"Demandámoslle á Xunta non caer no electoralismo nin facer demagoxia co futuro do emprego e da economía da comarca. Tanto o Ministerio como a Xunta teñen responsabilidades e o Goberno galego ten as competencias en materia de industria, polo que unha das súas primeiras preocupacións debe ser axilizar a consecución de chan industrial. De nada valerá captar iniciativas empresariais se non temos onde instalalas", advirte Alberte Amado, representante da CIG no comité de crise.

Nesta liña, o sindicalista demandou da Administración galega ser máis proactiva na busca de proxectos alternativos, especialmente os ligados á xeración ou acumulación de enerxía, tal e como están xa facendo os gobernos doutras comunidades afectadas polo procesos de descarbonización.

Dúbidas na proposta da Xunta

A este respecto, lembrou que a Xunta teima en esixir a continuidade produtiva da central con carbón ou biocombustíbeis, como a queima de lodos, pero neste último caso non concreta o alcance que tería a súa proposta nin no referido ao tempo que podería manterse operativa con este tipo de produción, nin con cantos grupos, nin se falan só dos lodos procedentes de depuradoras de Galiza ou tamén de fóra.

"A Xunta ten os coñecementos e os datos das probas que se están realizando na central. Se ese é o proxecto polo que apostan, de resultar viábel a nivel técnico, económico e ambiental, teñen que buscar, ademais, como solventar a parte económica para garantir que poida entrar en rede. E na conxuntura de que sexa viábel, pero haxa unha negativa por parte de Endesa -como xa ten manifestado- a seguir operativa con estes combustíbeis, a Xunta debe aclarar que alternativa ofrecería", apunta.

Así mesmo, para Amado é necesario manter a presión sobre o Ministerio para que axilice os trámites para inclusión das Pontes na estratexia de transición xusta e para que busque vías de financiamento tanto a nivel europeo como estatal.

Presionar a Endesa a comprometerse coa comarca

Xunto a isto, o representante da CIG lembrou que o Goberno español e galego teñen a capacidade para arrincarlle a Endesa compromisos polo futuro coa comarca e súa reactivación industrial.

"O punto de evacuación de enerxía á rede está regulada e autorizada por REE, se pecha a central térmica esa capacidade debería ser reasignada. Isto ligado ao feito de que Endesa fala de cambiar a produción con carbón por produción eólica, ofrece dúas vías de presión á empresa que hai que aproveitar. Porque se as actuacións de Endesa non son positivas para a comarca, as actuacións das administracións públicas tampouco deberían favorecer os intereses da eléctrica. Non pode ser que sexa a única que saia beneficiada de todo este proceso".

Volver