A CIG pide incrementar as ambulancias non urxentes en Ferrolterra para garantir os traslados seguros de doentes

Advirten da imposibilidade de garantir o distanciamento e as deficientes condicións dos vehículos
Ferrol - 16 Out 2020

A FGAMT-CIG de Ferrol critica o deixamento e a "actitude de pasotismo" do SERGAS co transporte sanitario non urxente da comarca, agravado pola situación de pandemia da covid-19. Así, denuncian que os traballadores e as traballadoras do sector vense na obriga de trasladar  doentes sen que poidan manter o distanciamento de seguridade, en habitáculos moi reducidos e tendo que levar até seis persoas na mesma ambulancia.

"Estamos falando de doentes con patoloxías graves que se están a someter a  tratamentos de oncoloxía, diálise etc. e cos/as que, pola súa delicada condición, se deberían estremar as medidas de protección", do mesmo xeito que se fai  nos centros hospitalarios, subliña Beatriz Fernández, secretaria comarcal da FGAMT-CIG de Ferrol.

Por este motivo, a central esixe ao SERGAS un incremento da flota de vehículos no transporte sanitario non urxente, que garanta o traslado de catro persoas como máximo por vehículo, podendo manter así o distanciamento. Así mesmo, unha mellora do acondicionamento das ambulancias e controis en cada base para que se cumpran os pregos de condicións do contrato por parte da empresas adxudicatarias.

Fernández engade que, dende a CIG, "seguiremos a denunciar estas situacións que non fan máis que afondar na precariedade dun sector imprescindíbel no servizo público de saúde".