A Secretaría das Mulleres da CIG pon a atención na precariedade dos traballos relacionados cos coidados neste 25 de Novembro

A central esixe a súa revalorización e que estean no centro das políticas públicas

Nacional -

Baixo o lema “A precarización do traballo nos coidados é violencia machista”, a Secretaría das Mulleres da CIG está a desenvolver este luns concentracións nas principais cidades e vilas con motivo da conmemoración do 25 de Novembro, Día para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Nesta ocasión, a central sindical focaliza a súa campaña na explotación que está detrás de todas as actividades relacionadas cos coidados, a súa minusvaloración e a cada vez maior precarización.

Con motivo da conmemoración do 25 de Novembro, a CIG realizou concentracións esta mañá na Coruña, Cervo, Compostela, Ferrol, Gondomar, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vilagarcía. E ás 20 horas haberá concentración diante do local da central en Chantada. 

Denunciar a hipocrisía institucional

Margarida Corral, secretaria confederal das Mulleres da CIG, explicaba durante a protesta realizada na Coruña, que se acordou convocar concentracións, principalmente diante de concellos e edificios administrativos, “para denunciar a hipocrisía dos gobernos, que este día amosan o seu compromiso contra a violencia machista, cando están escravizando as mulleres que dedican a súa vida ao traballo mal pagado e precario dos coidados”.

Un traballo, asevera, imprescindíbel para o sostén da vida e que, polo tanto, tería que estar no centro das políticas públicas, mais que está invisibilizado, non se recoñece, nin se valora. "A situación que atravesan as traballadoras so sector dos coidados é de absoluta precariedade e nalgúns casos, case de semi-escravitude", alertou.

Isto acontece porque o traballo no fogar e de coidados de persoas dependentes é continuamente ignorado pola economía capitalista e polos poderes públicos. "Ao mercantilizalos, convertéronse en empregos de segunda, e desenvólvense en condicións de elevada precariedade laboral, convivindo desigualdades de xénero, de clase, raciais (ou de etnia). E lonxe de reducirse, explica Corral, cada vez son máis as empresas que prestan este tipo de servizos, operando a través de institucións públicas, que en lugar de ofreceren directamente estas prestacións, privatízanas mediante subcontratas".

Temporalidade e baixos salarios

Corral advertiu que nos traballos relacionados cos coidados, desempeñados de xeito maioritario por mulleres, estas non só padecen a temporalidade e salarios miserentos, por debaixo do SMI, senón que mesmo se ven obrigadas a realizar tarefas para as cales non están contratadas. Isto, ademais, sen EPI’s, con problemas de conciliación, acoso sexual nos domicilios, acoso laboral e por razón de sexo ou concrecións horarias da xornada con variacións diarias.

Neste "círculo explotador", as administracións xogan un papel determinante e por iso, coas mobilizacións deste luns, dende CIG "queremos quitarlle a careta a eses concellos e administracións que o 25-N van facer plenos extraordinarios e pendurar lazos e crespóns negros e son quen están exercendo esa violencia institucional contra milleiros de traballadoras no noso país”.

Así, apunta ao Estado e a Xunta de Galiza como culpábeis da precarización de miles de mulleres que traballan no sector dos coidados, sexa mediante  xestión directa por parte da administración pública, ou privatizados por empresas que as escravizan. “Acusamos directamente a todo un sistema que baixo o eufemismo do benestar, violenta deliberadamente a miles de mulleres no país; converte as miserias de moitas en cartos para uns poucos; non fai máis que espallar a frustración das persoas ás que van dirixidos os servizos e escraviza as mulleres que neles traballan”.

Neste senso, enfatizou que "as galegas non fixemos dúas folgas o 8 de marzo -que non só foron laborais, senón tamén de consumo, estudantil e de coidados-, para que todo siga igual. Xa é hora de que haxa un cambio real e que a problemática dos coidados estea no centro das políticas públicas".

Demandas da CIG

Para poñer fin á esta violencia institucional, a Secretaría das Mulleres da CIG esixe a integración no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e de Benestar de todo o persoal que traballe nos servizos de axuda no fogar, universalizando a atención á dependencia con servizos sociais de axuda a domicilio, centros de día e residencias asistidas de carácter público. "Pois para iso foi creado no seu momento", incidiu.

Isto xunto ao recoñecemento pleno dos dereitos laborais e protección social para as traballadoras do fogar e de coidados no Estatuto dos e das Traballadoras e a súa integración completa no Réxime da Seguridade Social; salarios dignos e adecuados ao grao de responsabilidade que esixe o traballo de coidados e accións formativas específicas para o desempeño dos postos; garantindo o cumprimento da lei de prevención de riscos laborais; recoñecendo as enfermidades profesionais e accidentes de traballo; estabelecendo medidas preventivas e protocolos de actuación ante o acoso e os riscos psicosociais derivados da actividade.

Socialización do coidado

"Porque todas as persoas necesitamos e necesitaremos coidados nalgún momento: desde que nacemos, durante o proceso de crecemento, mais tamén nas enfermidades, as discapacidades que poidan xurdir, o proceso de envellecemento e finalmente na morte", reiterou a secretaria das Mulleres da CIG.

Por iso, o estado ten a obriga e o deber de asumir con urxencia a necesidade de socializar o coidado, recoñecéndoo como un dereito universal para todas as persoas, "e rematando coa inercia social de que dependa exclusivamente da familia, e en concreto, das mulleres. Os recursos e servizos sociais de atención ás persoas teñen que deixar de ser unha actividade residual, socialmente pouco valorada e con escasas retribucións. Porque o traballo dos coidados é imprescindíbel para o sostén da vida".

Concentracións do feminismo galego

A Secretaría das Mulleres da CIG convoca tamén a toda a cidadanía galega a que participe nas mobilizacións convocadas neste 25N pola Marcha Mundial das Mulleres e outros colectivos do feminismo galego en diferentes localidades do país:

  • A Coruña, 20:00 h Obelisco.
  • A Estrada, 20:30 h diante do Concello.
  • As Pontes, 20.30 h na Praza do Hospital.
  • Betanzos, 20:00 h a carón do Palco da Música.
  • Carnota , 20:00 h na Praza da Pedra ás 20h
  • Celanova, 20:00 h na Praza Maior.
  • Compostela, 20:00 h Praza 8 de marzo
  • Ferrolterra, 19:00 h no Cantón de Molíns.
  • Lugo, 20:00 h diante do Concello.
  • Marín, 20.30 h na Praza 8 de Marzo.
  • Ourense, 20:00 h diante da subdelegación do Goberno.
  • Pontevedra, 20:00 h na Peregrina.
  • Ribeira, 20:00 h na Praza do Concello.
  • Val Miñor, 20:00 h no cruce da Ramallosa.
  • Verín, 20.30 h Praza do Concello.
  • Vigo, 20:00 h cruce de Vía Norte con Urzaiz.

Volver