A CIG pon en marcha unha campaña para demandar a creación do cuarto Xulgado do Social en Lugo

A central alerta do colapso que sofre a administración de xustiza na provincia, na que se están fixando xuízos de asuntos ordinarios para o ano 2018
A Coruña - 20 Out 2016
A CIG de Lugo-A Mariña informou este xoves en rolda de prensa da campaña que vai desenvolver durante o mes de novembro en demanda da creación do cuarto Xulgado do Social para a provincia de Lugo. Esta vella reivindicación, sinalan, resulta especialmente urxente nestes momentos, xa que se están marcando as datas de xuízos dos asuntos ordinarios para dentro de dous anos.

"Unha xustiza que non resolve rapidamente non é xustiza". Con esta premisa, a Unión Comarcal da CIG de Lugo-A Mariña pon en marcha esta campaña, lembrando que dende o estoupido da crise económica produciuse un incremento de procesos no Social que non só non foi acompañado da creación de novos xulgados ou o reforzo dos existentes, senón que, pola contra, "nos últimos catro anos asistimos á amortización de prazas na administración da xustiza", denunciaba Jesús H. Sánchez, responsábel nacional do Sector de Xustiza da CIG.

Sánchez, que compareceu xunto co Secretario Comarcal da CIG, Antonio Niño, apuntou que, se ben as gravosas taxas xudiciais impostas polo goberno do PP provocaron un descenso de entrada de asuntos noutros xulgados, non ocorreu así no social. De feito, a CIG xa teñen reivindicado en numerosas ocasións medidas urxentes para afrontar este colapso, pero "ningunha delas foi contestada".

O incremento de entrada dos asuntos urxentes e a acumulación dos ordinarios provocou unha dilación dos procesos, chegando nestes momentos a unha situación crítica "na que se está pondo data de xuízo aos asuntos non urxentes para o ano 2018, mesmo para o mes de outubro". 

Neste senso, Antonio Niño denunciaba que "a única que gaña con esta situación é a patronal, que se aproveita desta demora. Pero para os traballadores e traballadoras é un problema. Estanse dando casos de empregados/as que renuncian a reclamar cantidades porque saben que van ter que esperar como mínimo dous anos", advertiu. "Dous anos que o traballador ou traballadora que presenta a reclamación ten que agardar para celebrar o xuízo, mais logo esperar a que saia a resolución", engadía Sánchez.

Entrada masiva de asuntos urxentes

O responsábel do sector de Xustiza da CIG afirmou que "non é un problema de que os xulgados non traballen, pois estanse celebrando unha media de dous ou tres xuízos ao día, o que pasa é que hai sobrecarga". Segundo as indicacións do Consello Xeral do Poder Xudicial, cada xulgado debería ter unha entrada de asuntos anuais de arredor de 850. "Pero a finais de 2015, na provincia de Lugo, a entrada de asuntos situouse nos 940, moi por enriba de Ferrol, Ourense ou Pontevedra". E no primeiro trimestre de 2016 as cifras mantéñense case como as de 2015, cunha entrada media de 240 asuntos por trimestre.

En canto ao número de asuntos pendentes de resolver a comezo do ano, a provincia tamén destacou polo seu volume: 1.177 asuntos. "Soamente estamos superados pola Coruña e Santiago, que si contan con xulgado de reforzo". Non obstante, sinalou que esta pendencia "vén arrastrada, xa que o índice de resolución en Lugo está por riba do índice de entrada".

Jesús Sánchez atribuíu esta saturación á entrada masiva de asuntos en anos anteriores, pois tan só en 2013 e 2014 rexistráronse 1.255 asuntos e 1.311 respectivamente. "Repito, non estamos ante un problema de que os xulgados non traballen e non resolvan, é que non poden abarcar máis. De aí a nosa reivindicación dun Xulgado do Social novo para Lugo".

Como medida inmediata para paliar esta saturación, a CIG pide o nomeamento dunha xuíza ou xuíz de reforzo e a dotación do persoal de reforzo necesario, durante o tempo que dure o proceso de tramitación para a creación dese cuarto xulgado. Un reforzo que, á diferenza do social, xa se deu noutros órganos xudiciais da provincia.

Na mesma liña, Antonio Niño sinalou tamén á "discriminación" que sofre á provincia en materia de administración de xustiza, xa que "en Lugo só contamos con tres xulgados do Social, mentres que unha provincia similar como a de Ourense dispón de catro".

Contactos institucionais, co sector e recollida de sinaturas

Para afrontar estas deficiencias, a CIG pon en marcha esta campaña na que incluirá a recollida de sinaturas nos centros de traballo, encontros con representantes dos colexios de avogados/as, procuradores/as e graduados/as para instar a estas entidades a sumarse á iniciativa, ou mesmo unha petición á Valedora do Pobo.

Ademais, solicitaranse reunións co Xuíz Decano da provincia para abordar a problemática e solución deste colapso e entrevistas cos distintos grupos políticos co obxectivo de que insten a Xunta a pór solucións. Sobre este punto, Niño lembrou que "que nomea os xuíces ou xuízas é o Consello Xeral do Poder Xudicial, pero a administración encargada de pór o persoal dos xulgados é a Xunta", subliñou.

Igualmente, e paralelamente a todas estas medidas, a central sindical fará tamén mobilizacións de apoio a esta reivindicación.