A CIG pon en marcha unha campaña para reclamar emprego digno no sector das telecomunicacións

Mobilizouse en Vigo e este mércores farao en Santiago e na Coruña
Nacional - 12 Xun 2018

A CIG vén de poñer en marcha unha campaña para reclamar emprego digno nas telecomunicacións en Galiza que inclúe mobilizacións, reparto de información e xuntanzas cos distintos grupos parlamentares. A central reclama, entre outras cousas, a integración dos postos de traballo nas empresas matrices e que haxa direccións territoriais de todas as compañías do sector no noso país.

A campaña, posta en marcha de xeito conxunto polas federacións de Industria, FGAMT e Banca, comezou hoxe cunha protesta de delegados/as sindicais do sector diante de dúas tendas de Vodafone e Movistar na Gran Vía de Vigo e continuará este mércores 13 con mobilizacións na sede central de compañía R, no polígono coruñés da Grela, ás 10:00 horas; posteriormente trasladarase ao Parlamento galego, onde hai convocada unha concentración ás 12:00 horas, coincidindo coa celebración de xuntanzas cos grupos parlamentares para trasladarlles as reivindicacións da CIG para o sector.

Entre elas, a integración dos postos de traballo nas empresas matrices de telecomunicacións; que as direccións territoriais das compañías estean en Galiza; que o emprego sexa digno, cualificado e con dereitos; rematar coas cadeas de subcontratación e falsos/as autónomos/as baixo a premisa “a igual traballo, igual salario”; frear a desregulación das condicións laborais, o que implicaría derrogar as últimas reformas; reclamar un Marco Galego de Relacións Laborais; e defender o uso da lingua galega nas telecomunicacións para garantir o respecto aos dereitos civís de traballadores/as e usuarios/as.

As grandes operadoras de telecomunicacións destruíron 39.000 empregos no conxunto do Estado dende o ano 2002

Na CIG lembran que dende o ano 2002 até a actualidade as grandes operadoras de telecomunicacións reduciron o seu emprego total no Estado á metade, pasando de 94.000 a 55.000 traballadores/as; “mais ese emprego non se esvaeceu, pasou maiormente ás contratas, tendas de atención persoal en franquía, e aos 'call-center' de teleatención e telecontratación, empeorando salarios, bases de cotización e condicións laborais”, denuncian.

Isto supón o fraccionamento dun único proceso de produción en varias empresas, que á súa vez subcontratan os servizos, acudindo mesmo sistematicamente ás ETT e a falsos/as autónomos/as; “deste xeito, traballadores/as facendo o mesmo traballo teñen condicións laborais e salariais distintas”.

De toda esta cadea de produción/facturación, o beneficiario último son as grandes operadoras, cuns elevados ingresos e cuns reducidos custes laborais; en resumo, moitos dereitos económicos e poucas obrigas sociais.

Subcontratación e deslocalización

As grandes operadoras (Movistar, Vodafone, Orange, R, etc.) están embarcadas nun proceso de concentración do emprego en Madrid, Barcelona e Bilbo. En 2017 o emprego directo na Galiza era de 1273 traballadores/as, o 2,3 % do total do Estado, “cando supoñemos o 5,23 % do PIB e o 5.80% da poboación”.

Ese emprego deslocalizado correspóndese cos postos de traballo de dirección, xestión, comercialización, deseño e operación de redes e servizos, os máis tecnificados, cualificados e de maior nivel de renda; “permanecen aquí, na Galiza, teleoperadores/as e operadores/as de comunicacións de base, mal pagados/as, precarizados/as, con condicións laborais desreguladas e salarios de supervivencia”.

Neste sentido, nos centros de atención de chamadas a cadea de contratación volta a agravarse nos últimos tempos con novas deslocalizacións a zonas do mundo sen dereitos laborais e nulas garantías sindicais: “a salvaxe explotación laboral de toda a vida camuflada baixo o eufemismo do 'dumping social', ou o que é o mesmo, escravismo puro e duro, como temos comprobado en América Latina e no norte de África”.

Neste senso, consideran “abertamente inmoral” que unha sociedade desenvolvida controle a trazabilidade de produtos animais e vexetais importados e se desentenda do control da importación de servizos producidos por traballadores/as sen as mínimas condicións laborais esixíbeis nos lugares de consumo.

Proceso de externalización

Ademais, advirten que se está a intensificar a “externalización” do traballo propio das empresas, xa que a tendencia é que sexa a propia clientela a que realice as xestións, ben sexa a través da páxina web, bots en chats, aplicacións, ou telefonicamente con locucións de autoxestión, polo que os operadores/as e teleoperadoras/es cada vez son máis prescindíbeis.

Trátase dun proceso de novo eufemisticamente alcuñado de “autoxestión” ou “autoservizo” (fágao vostede mesmo), que non se ve reflectido no prezo, senón na suba dos beneficios das empresas, e na baixa dos salarios, pero tamén na redución da recadación de impostos da renda dos salarios non pagados e non cotizados. “Non se trata dun problema unicamente sociolóxico, senón laboral e fiscal”.

A consecuencia directa desta situación é a imposibilidade de que os traballadores/as se desenvolvan profesionalmente no noso país, o que obriga á emigración ao persoal máis formado; “falamos de un déficit de empregos na produción das telecomunicacións a respecto do consumo deses produtos e servizos no noso país; isto ten un impacto directo nas rendas salariais totais percibidas e no emprego inducido, impostos recadados e bases de cotización, en suma, un empobrecemento xeral da sociedade galega no seu conxunto”.

Sen política pública de emprego

Ao mesmo tempo, a Xunta carece de política de emprego e industrial, “limitándose a subvencionar sen control e seguimento de resultados, sen garantir retornos do investido para a economía galega; cando non gasta o diñeiro público na promoción do consumo destes servizos, creando mercado a costa do orzamento, ou colabora coas empresas no desenvolvemento de actos de 'mellora da empregabilidade' que non son máis ca seminarios ideolóxicos de mercado para culpabilizar os traballadores/as do paro, ao tempo que lle facilita ás empresas adquirir coñecemento da socioloxía laboral dos territorios para manipular o que para elas non é máis ca materia prima”. Exemplo disto son os “talleres de emprego” da operadora dominante.

Denuncian o espolio de renda e  de coñecemento técnico e de xestión, “que sufrimos máis intensamente a clase traballadora", e o feito de que o noso país se vexa privado de empregos de renda media/alta e do dereito a producir servizos de telecomunicacións no noso territorio e no idioma propio; "mais tamén todo o pobo galego no seu conxunto, xa que carece de ingresos fiscais e salariais nos empregos inducidos arredor dos empregos cualificados; todo para beneficio duns poucos/as, co beneplácito e o apoio económico da Xunta e do Estado”.

Principais reivindicacións da CIG para o sector:

-Integración do emprego nas compañías matrices de telecomunicacións.

-Direccións territoriais de todas as empresas en Galiza .

-Emprego digno, cualificado e con dereitos.

-Rematar coas cadeas de subcontratación e cos falsos/as autónomos/as.

-Frear a desregulación das condicións laborais.

-Marco Galego de Relacións Laborais.

-Uso da lingua galega nas telecomunicacións.