A CIG presenta alegacións ao estatuto electrointensivo na liña de sentar as bases dunha tarifa industrial estábel e predicíbel

A central continuou o calendario de mobilizacións cunha concentración en Ferroatlántica Sabón
A Coruña - 20 Feb 2020

A CIG presentou este mércores as alegacións ao proxecto de estatuto do consumidor electrointensivo na liña da proposta da tarifa industrial que a central ten elaborada dende outubro de 2018. Ademais, este xoves 20 de febreiro, a CIG continuou co calendario de mobilizacións en demanda dunha tarifa estábel, predicíbel e competitiva para o sector, desta volta cunha concentración da fábrica de Ferroatlántica en Sabón.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia que o proxecto de Real Decreto presentado polo Goberno español continúa sen establecer a estrutura para unha tarifa que axude a reverter a crise permanente na que viven este tipo de industrias con grandes consumos eléctricos  a causa dos elevados custes da enerxía. Advirte que a redución na tarifa prevista proxecto de RD está vinculada nun 57% con medidas que non están dentro do propio estatuto ou, no caso de contemplárense no texto da norma, teñen un carácter compensatorio e dependen do que se aprobe nos Orzamentos Xerais do Estado.

Liberar a tarifa de peaxes

Fronte a isto, a CIG reclama que se estableza a progresividade nas axudas, correspondendo a máxima axuda por MW á tarifa 6.4; así como liberar a tarifa das peaxes que non teñan unha relación directa co funcionamento do sistema eléctrico como as primas ás renovábeis, os pagos por capacidade, a segunda parte do ciclo do combustíbel nuclear ou o déficit tarifario, e que este custe sexa asumido polos Orzamentos Xerais do Estado para que non repercuta na factura que pagamos o resto de consumidores/as.

 

Ademais, proponse que, no caso das Comunidades Autónomas que exportan electricidade (como Galiza, que malia o parada das centrais térmicas segue producindo máis enerxía da que consume), as industrias electrointensivas instaladas nestes territorios sexan compensadas no 100% da peaxe de transporte, asumindo o custe o sistema eléctrico. 

Retirar do pool as hidráulicas e nucleares

Xunto a isto, a central sindical entende que hai que retirar do mercado maiorista (o chamado pool) as centrais hidráulicas e nucleares, que pasarán a cobrar por custes recoñecidos, xa que esta medida, ademais, produciría unha rebaixa xeral no prezo da electricidade que repercutiría tamén no funcionamento do sector.

No relativo ao CO2, a CIG demanda que, con cargo aos OXE e coa adecuada consignación para os anos 2020, 2021, 2022, 2023 e 2024, estas industrias poidan acceder á máxima compensación permitida pola UE, por competir con outras industrias similares instaladas en lugares onde non se limitan as emisións de dióxido de carbono.

Garantías de emprego e produción

 

Mais o esforzo social que supón aplicar esta rebaixa no prezo da tarifa eléctrica non pode saírlle de balde as empresas. Para a CIG resulta fundamental que se lle esixa ás compañías beneficiadas a obriga de facer investimentos e melloras nos procesos produtivos para manter e ampliar os niveis de emprego. E na mesma liña, respectar e mellorar as condicións laborais e sociais dos convenios.

 A este respecto, Paulo Carril denuncia a incongruencia que supón que o Goberno español permita ás empresas seguir acollidas a estas axudas aínda cando reduzan até un 85% os seus cadros de persoal ou da actividade. "É necesario establecer garantías de mantemento do emprego e da produción e controis por parte da Administración sobre o cumprimento destas obrigas, porque doutro xeito o que se estará facendo será subvencionar as empresas para que marchen fóra, pero non evitando as ameazas constantes aos postos de traballo".

Esta demanda cobra especial relevancia na nosa terra, tendo en conta o proceso que se vive nas fábricas de Alcoa San Cibrao, a situación de parálise da electrólise na planta de aluminio da Coruña ou os recorte na produción e as ameazas aos postos de traballo nas fábricas de Ferroatlántica de Cee-Dumbría e de Sabón.