A CIG presenta conflito colectivo contra a Xunta pola explotación laboral do persoal de limpeza dos centros educativos

A Consellaría de Educación impuxo novos horarios e triplicou a carga de traballo polas necesidades derivadas da covid
Nacional - 29 Set 2020

O sector de Autonómica da CIG-Administración vén de presentar conflito colectivo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) contra a Xunta polo abuso e a explotación laboral que está a padecer o persoal encargado da limpeza dos centros educativos. Dende a central denuncian que a Consellaría de Educación impuxo novos horarios e triplicou a carga de traballo para atender as necesidades derivadas da covid sen que se producise nin unha soa nova contratación.

Segundo sinalan, estas modificacións de horario leváronse a cabo sen a negociación previa coa representación do persoal que establece a lei e supón que limpadoras/es que acudían de tarde en horario continuo agora estean ao dispor das direccións dos centros. “Xa nos atopamos con cambios de horario de tarde a xornada partida ou incluso a horario nocturno de 22:00 a 6:00 horas”.

Ao mesmo tempo, lamentan que a negativa da Consellaría a contratar máis persoal, “aumentando a carga de traballo de xeito insostíbel”, supoña na práctica un abuso e a explotación das traballadoras/es. 

O sector de Autonómica da CIG leva dende maio denunciando publicamente a situación na que se atopa o persoal de limpeza

Explican que logo de ter presentado alegacións contra esta modificación substancial das condicións laborais, e tras acudir á inspección de traballo, seguen sen ter noticias da consellaría, polo que optan agora pola vía da impugnción ante a sala do social do TSXG para deixar sen efecto os cambios introducidos mediante o apartado 'Medidas de prevención básicas. 4.- Medidas xerais de limpeza nos centros' da resolución conxunta ditada polas Consellarías de Educación e Sanidade.

Neste senso, lembran que a CIG-Administración Autonómica vén denunciando publicamente dende o mes de maio a situación do persoal de limpeza dos centros de ensino a raíz dos distintos protocolos que Educación publicou na súa páxina web sen ningún tipo de negociación previa, “a pesar de que en innumerábeis ocasións solicitamos xuntanzas cos seus responsábeis e rexistramos achegas e consideracións a cada un deses protocolos”.

Limpeza deficiente

De feito, na última versión destes protocolos “unilaterais e non tratados nin cos comités de seguridade e saúde nin cos comités de empresa” que afecta directamente ás condicións de traballo do V Convenio Único do Persoal Laboral establécese que “nos supostos nos que existan varias persoas dedicadas a tarefas de limpeza, unha delas realizará total ou parcialmente a súa xornada na quenda de mañá, podendo realizarse rotacións no uso das quendas. Cando as tarefas de limpeza se realicen por unha única persoa realizará parte da súa xornada (polo menos 1/3) en xornada de mañá”.

Isto supuxo que na práctica multitude de traballadoras/es viran modificada a súa xornada, impoñéndoselles nalgúns casos quenda de noite.

“A pandemia non pode ser escusa para modificar a xornada laboral nin para triplicar a carga de traballo, xa que supón un desprezo ás tarefas máis esenciais para combater a crise sanitaria como son a hixienización e a limpeza”. Ademais, inciden en que a pesar do abuso ao que se está a someter ao persoal as medidas hixiénicas non están garantidas nos centros educativos nos que a limpeza depende directamente da Xunta, “xa que isto é imposíbel a custe cero”.