A CIG presenta conflito colectivo no TSXG pola non aplicación da Lei de Emprego Público no Consorcio

Denuncian que non resulta de recibo seguir a negar dereitos básicos, que a propia lei recoñece ou non sentarse a negociar
Compostela - 08 Xan 2016
A CIG vén de presentar conflito colectivo no TSXG pola non aplicación da Lei de Emprego Público de Galiza ao persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Denuncia que as traballadoras e traballadores do organismo seguen agardando pola equiparación de dereitos laborais e salariais ao resto do persoal da administración público galega.

A Lei de Emprego Público establece no seu artigo 4.b que dentro do seu ámbito de aplicación está o persoal dos Entes instrumentais da Xunta de Galiza (dos que o Consorcio forma parte). Porén, malia a CIG ter solicitado en reiteradas ocasións, desde que a Lei foi aprobada no mes de maio, a aplicación desta norma, nomeadamente a referida a permisos e licenzas, recibiuse sempre unha resposta negativa ou o silencio.

A CIG sinala que tamén se  solicitou dos responsables da Dirección Xeral de Función Pública da Xunta de Galiza que cumpriran e fixeran cumprir a lei aos entes dependentes da Administración e tamén se obtivo a calada por resposta.

“Resúltanos sorprendente como todas aquelas normas e disposicións que restrinxen ou recortan dereitos son aplicadas inmediatamente ao persoal do Consorcio, case sen norma de transposición, en tanto aquelas normas que amplían ou restitúen dereitos ao persoal das Administracións Públicas teñen que ser reclamadas unha e outra vez polo noso sindicato para que os e as traballadores/as do Consorcio poidan gozar en igualdade de condicións que o resto do persoal (tal e como aconteceu cá xornada de verán)”, denuncian.

A isto engaden que neste momento actual de indefinición do Consorcio, no que debía de ser substituído pola  Axencia Galega de Servizos Sociais o día 1 deste mes; no que os postos de responsabilidade do Consorcio están vacantes; no que o persoal segue a agardar para que as súas condicións laborais e salariais se equiparen ao resto do persoal da Administración  e a calidade  dos servizos aos usuarios/as se mantén pola implicación e compromiso do persoal traballador, “non resulta de recibo seguir a negar dereitos básicos, que a propia lei recoñece ou non sentarse a negociar como se afronta este período”. Por iso aseguran que seguirán a denunciar, con todos os medios ao alcance, para que se respecten os dereitos dos traballadores/as do Consorcio.