• Nova

A CIG presenta demanda contra o Concello de Cariño pola falta de RPT e a nula vontade para negociala

A central lembra que contar cunha Relación de Postos de Traballo é unha obriga legal
Cariño - 09 Mar 2022

A CIG-Administracións Públicas da comarca de Ferrol presentou demanda no Xulgado Contencioso-Administrativo contra o Concello de Cariño pola inexistencia dunha Relación de Postos de Traballo e pola nula vontade negociadora para dotar o concello e o seus empregados e empregadas "dun instrumento organizativo mediante o que as administracións estruturan o persoal en función das necesidades dos servizos públicos que deben prestar, sinálanse os requisitos mínimos dos postos, as funcións e a súa estrutura retributiva".

A secretaria comarcal da CIG-Administración, Carmem Viso lembra que a existencia dunha RPT é unha obriga legal, establecida na Lei 30/1984 e na Lei de emprego público de Galiza (2/2015)  non un acto potestativo. Aínda que no Concello de Cariño esta obriga vense incumprindo de maneira reiterada. Así, lembra Viso que a finais do ano 2017, o actual alcalde contratou unha empresa externa para realizar os traballos de análise e valoración do postos de persoal existentes no concello.

"A empresa rematou o seu traballo, pero 4 anos despois o Concello non é capaz de establecer un proceso negociador coa representación do persoal, malia as numerosas peticións e denuncias feitas por este sindicato para rematar definitivamente este proceso e dotar de seguridade xurídica e laboral ao seu persoal e dunha mellor organización e estrutura dos servizos prestados", subliña.

A continua desatención por parte do Goberno local dos dereitos de negociación colectiva, representación e participación levaron a que o persoal realizara unha concentración de protesta diante do Concello a finais de decembro "e nin así é capaz de retomar as negociacións ou dar unha resposta ao seu persoal preocupado pola falta de seguridade xurídica". Unha situación, engade Viso, agravada porque tampouco existe resposta sobre como se vai solucionar a altísima temporalidade existente no Concello.

Por iso, xa adianta que a CIG seguirá mobilizándose e loitando por conseguir que se respecten os dereitos do persoal do Concello de Cariño.