A CIG presenta denuncia na Inspección de Traballo polo accidente mortal en Vilalba e personarase como acusación particular

A central denuncia que a empresa Demaq Galicia non cumpriu a lei de prevención nin podía terlle encomendado tarefas de elevado risco ao operario falecido, que se atopaba en prácticas
Vilalba - 18 Mai 2026

A CIG presentou denuncia o pasado venres na Inspección de Traballo de Lugo solicitando que se realicen as dilixencia de investigación necesarias para esclarecer as causas e depurar responsabilidades polo accidente que lle custou a vida a un traballador en prácticas na empresa Demaq Galicia de Vilalba. A central nacionalista reitera máis unha vez as condolencias trasladadas á familia e ás compañeiras e compañeiros do traballador falecido e avanza que se persoará como acusación particular na causa xudicial aberta por este sinistro.

No escrito remitido á Inspección de Traballo, a CIG salienta que existen indicios claros de que a empresa non cumpría coa lei de prevención de riscos, ao non garantir unha protección eficaz e a integridade física do operario; e ademais non está acreditado que o traballador recibira a formación teórica e práctica necesaria sobre os riscos específicos do posto que desempeñada.

Hai que lembrar que o mozo de 24 anos estudaba unha FP dual e faleceu mentres realizaba tarefas de ensamblaxe e manipulación de estruturas metálicas de gran tonelaxe. Aínda que o convenio de colaboración subscrito pola Xunta e a empresa obriga a que o alumnado teña superada a formación en prevención antes de iniciar as prácticas, tendo en conta o plan de estudos do ciclo, parece claro que o traballador non contaba coa formación específica para os riscos reais que atopou -traballar con pezas de 500kg-.

Este feito constitúe unha neglixencia tanto na supervisión da empresa como na coordinación co centro. A isto súmase que as tarefas de alto risco e carga física que realizaba o operario no momento do accidente non se corresponden coas funcións previstas no plan de formación e incluso a avaliación de riscos da compañía non contempla a posibilidade de que persoas en prácticas realicen este tipo de actividades de alta perigosidade.

Para a CIG estamos ante o exemplo máis dramático e grave do que implica a concepción da formación dual: reducir a calidade educativa, avanzar na privatización do ensino e, sobre todo, fornecer as empresas de man de obra barata sen garantir a protección nin os dereitos laborais básicos do alumnado en prácticas.

Este sinistro mortal tamén pon en evidencia que a empresa ou carecía de procedemento de traballo en elevación ou este non se puxo en práctica, xa que de existir levaría consigo que a zona de perigo por debaixo da carga en suspensión estivera perimetrada e ningunha persoal traballadora puidera permanecer na traxectoria da carga no caso de que esta se deprendera. Esta operación ademais debería estar dirixida por un recurso preventivo.

Por isto, a CIG pide que se investiguen e aclaren os feitos, e unha actuación contundente para depurar as responsabilidades que poida existir. Porque desenvolver a actividade laboral nun lugar de traballo en condicións saudábeis e de seguridade é un dereito.