A CIG presenta no Parlamento unha proposición non de lei para a formación do persoal de incendios

Defende a necesidade de que se avance cara unha maior profesionalización

Nacional -

A CIG rexistrou este martes, no Parlamento de Galiza, unha Proposición non de Lei para a formación do persoal do servizo de extinción de incendios da Xunta de Galiza para avanzar cara unha maior profesionalización. Denuncia que a Xunta “está a vender futuras planificacións e incluso unha nova lei de incendios mentres non cumpre os acordos acadados e non avanza na formación do seu persoal”.

Neste sentido, a responsable nacional do sector da Autonómica da CIG-Administración, Zeltia Burgos, considera que é necesario comezar xa a preparar seriamente ao persoal de cara ás continxencias relacionadas cos incendios forestais e as emerxencias ambientais”.

Insiste en que desde a central sindical séguese a loitar pola formación como “piar básico para a profesionalización e estabilización do SPIF”. Por ese motivo, ten presentado numerosas iniciativas que teñen como obxectivo conseguir que o Servizo de incendios teña a formación máis axeitada consonte ás súas peculiares características.

Módulos formativos

A Proposición Non de Lei que vén de ser rexistrada pretende que o Parlamento inste á Xunta de Galiza a “implantar os módulos formativos correspondentes á cualificación profesional SEA596_3 de coordinación en operacións de incendios forestais e apoio en continxencias no medio natural e rural”.

Estes módulos van dirixidos a axentes forestais, bombeiros/as forestais xefes/as de brigada, coordinadoras/es de unidades de prevención e extinción de incendios forestais, xefe/a de unidade de prevención e extinción de incendios forestais, e engadimos a todo o persoal do SPIF que teña xa o certificado de nivel 2  SEA 595_2.

Xunto a isto, reitérase a demanda, á Xunta, de que se imparta, ao persoal do SPIF a formación correspondente aos módulos das cualificacións profesionais SEA595_2 e SEA596_3.

Os obxectivos desta formación son os seguintes:

  • Mellorar o desenvolvemento das operacións de emerxencia referidas aos incendios forestais, e o apoio a continxencias no medio natural.
  • Obter a certificación correspondente superior esixida, a SEA596_3

Burgos subliña que a formación requirida “non é obxecto da improvisación”, xa que o SPIF ten plenamente xustificado o seu encaixe normativo coma servizo de emerxencias por varias vías, entre as que apunta o RD624/2013 do 2 de agosto e a Lei 17/2015 do 9 de xullo de Protección Civil - lexislación básica-.

“Na CIG seguimos a defender que todo o persoal do SPIF teña a mellor formación posíbel para mellorar a súa seguridade, profesionalización, estabilidade e para a mellor asistencia a toda a poboación do rural galego diante da emerxencia climática”, conclúe.

Volver