A CIG presenta recurso contra a suspensión das actuacións penais pola morte dun traballador nun accidente laboral en Navantia

Os feitos ocorreron nas instalacións de carenas en marzo de 2015

Ferrol -

A Federación de Industria da CIG vén de presentar recurso contra a decisión do xulgado de instrución 3 de Ferrol de decretar o sobresemento das actuacións penais incoadas polo accidente laboral acontecido no ano 2015 nas instalacións de carenas de Navantia Ferrol, no que morreu un traballador da Cooperativa IRIS.

A central sindical manifesta o seu total desacordo con esta decisión xudicial, xa que é a segunda vez que o xulgado de instrución de Ferrol propón o arquivo desta causa. Na anterior ocasión, e a instancias do recurso presentado, entre outras pola CIG, a Audiencia Provincial revogou a decisión xudicial.

A Inspección cualificou o accidente como "infracción moi grave"

Xa daquela, subliña a CIG-Industria, chamaba a atención da Audiencia o sobresemento da causa, existindo un informe da Inspección de Traballo e do ISSGA que cualificaban o acontecido como unha "infracción moi grave" das normas de prevención, en nun auto que non aforraba en matices, chega a manifestar que lle causa "alarma" algunha das circunstancias que puideron ser determinantes do accidente.

A CIG-Industria quere denunciar "a dupla moral que existe na nosa sociedade respecto de todo o relacionado co traballo e coa empresa, e como a sobreproteción dos intereses empresariais vai en detrimento dos dereitos dos traballadores e traballadoras até o punto de negarlle transcendencia penal ao feito de morrer no posto de traballo e por causa da ausencia de medidas preventivas".

Este tipo de resolucións provoca indefensión

Resolucións como esta, engaden, provocan indefensión, e mesmo socializan a idea de que os accidentes laborais son fatalidades sen culpa atribuíbel a ninguén, cando non directamente ao propio traballador ou traballadora accidentada. "A conclusión de que non hai responsábeis é unha auténtica patada aos dereitos dos traballadores e traballadoras, a comezar polo primeiro e máis importante deles, o dereito á vida e á indemnidade no posto de traballo".

Ante esta inexplicábel decisión do xulgado de instrución, a CIG-Industria xa presentou o recurso correspondente," mais isto non será substitutivo da loita nas empresas e nos convenios, que é onde realmente podemos mellorar as condicións de traballo e de seguridade". Nesta liña, animan a toda a clase obreira a non facer concesións nestas materias, denunciando na Inspección, no sindicato, ou nos comités, os incumprimentos en prevención.

Volver