A CIG presenta un plan de medidas para a recuperación económica, a industrialización e a creación de emprego digno

O documento contén propostas transversais, sectoriais e sociolaborais para unha saída galega xusta da crise
Nacional - 20 Out 2020

A CIG ten en marcha unha campaña para esixir unha saída galega xusta á crise con políticas que non supoñan, unha vez máis, saquear a clase traballadora. Con este obxectivo, a central nacionalista elaborou unha batería de propostas para a recuperación económica, a industrialización e a creación de emprego digno na nosa terra, con medidas de carácter transversal e sectorial nas que os poderes públicos teñen que xogar un papel fundamental e a través das que se insta a facer unha forte aposta en favor das forzas sociais galegas para o desenvolvemento deste proceso.   

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, sinalou que no marco desta campaña se desenvolverá un intenso calendario de mobilizacións nos próximos meses e que o documento de propostas será trasladado ao Goberno español, á Xunta e aos grupos parlamentares para a súa toma en consideración "porque está en xogo o noso futuro" e por iso estas medidas van no camiño contrario das políticas neoliberais que se nos impuxeron e que só serviron para aumentar a pobreza laboral, o desemprego e a exclusión social.

"Por moito que vaian ser postas en marcha por un suposto goberno “progresista”, as medidas da chamada reconstrución non deixan de ser as receitas de sempre, ditadas desde a UE dominada polo capital e asumidas acriticamente polo executivo de PSOE e Unidas Podemos. E aplícanse, ademais, desde unha visión fanaticamente centralista e negadora da realidade plurinacional do Estado", alertou Carril.

Advertiu da especial incidencia da crise en Galiza, ao padecermos xa unha profunda crise industrial, co desmantelamento de actividades estratéxicas e a perda de sectores produtivos completos. Unha desfeita acelerada polo proceso de dixitalización e descarbonización da economía "que en Galiza está sendo un auténtico proceso de reconversión, con consecuencias dramáticas para comarcas enteiras e sen que haxa políticas de reindustrialización para o asentamento de novos sectores nin para pechar os ciclos produtivos".

Neste senso, o secretario xeral da CIG acusou a Xunta de Galiza de contribuír coa súa inacción a esta destrución e de aplicar unha política suicida de desenvolvemento económico consistente case en exclusiva na eucaliptización do país en favor da industria pasteira, e no fomento insostíbel do sector servizos, especialmente do turismo e do Camiño de Santiago.

Xunto a isto, Carril salientou que a xestión da pandemia puxo en evidencia as eivas, o fracaso e as inxustizas do capitalismo, dado que se priorizan os intereses económicos por enriba da vida das persoas. Pero ademais, puxo ás claras as consecuencias da globalización baseada na deslocalización dos procesos produtivos dos bens e servizos e a dependencia que os estados teñen das empresas privadas para acceder a produtos esenciais. "Unha realidade que hai que reverter", afirmou.

Reforzo das políticas públicas nos sectores estratéxicos

Para mudar estes procesos, no primeiro apartado do documento da CIG recóllense propostas transversais para afianzar a intervención pública nos sectores produtivos estratéxicos e no sector financeiro, para que as nosas capacidades e o noso desenvolvemento non estean ao capricho das decisións empresarias. A CIG pula pola creación dunha Banca Pública Galega, un Instituto da Empresa Pública Galega, o retorno ao sector público das empresas privatizadas, a nacionalización de industrias estratéxicas como Alcoa San Cibrao ou Alu Ibérica, a formalización dun concerto económico  entre o Goberno galego e o español ou esixir a xestión directa pola Xunta de Galiza dos fondos europeos destinados ao noso país.

Así mesmo, recóllense propostas para lograr unha fiscalidade progresiva e máis xusta, dar estabilidade e aumentar a inversión en I+D+I e para a defensa e a mellora dos servizos públicos, con especial atención ao ensino, a sanidade e os coidados.

Transición xusta para Galiza

De cara a afrontar un proceso de transición enerxética pensado dende Galiza e xusto para o noso territorio, a CIG defende a creación dunha tarifa eléctrica propia, a racionalización da xestión do monte, a creación dunha empresa pública galega de electricidade que xestione as centrais hidroeléctricas, a inclusión de Galiza no Plan de Acción Urxente para Países do Carbón e Centrais Pechadas 2019-2021 en igualdade de condicións que outras comunidades ou a aprobación inmediata dos convenios de transición xusta para As Pontes e Meirama.

Como  tamén  para se que se vincule obrigatoriamente a implantación dos parques eólicos con criterios ambientais e sociais e se asocien ao desenvolvemento de plans industriais e á participación pública nestas instalacións.

Para dotar de futuro un sector tan importante para Galiza como o de carburantes e a automoción, a CIG insta a aprobación dun Plan de Transición para facer fronte ao proceso de descarbonización e a creación dunha Mesa Galega da Automoción (MGA), integrada polo actual clúster empresarial (CEAGA), as centrais sindicais e as tres universidades. Para outra actividade fundamental coma a construción naval, a CIG propón a creación do Complexo Integral da Ría de Ferrol que abranga todas as áreas relacionadas coa construción naval tanto militar como civil; e no caso de Vigo, conformar un holding entre os distintos estaleiros, empresas auxiliares e empresas transformadoras do metal, coa participación pública e privada, e dando solucións duradeiras a Barreras e Vulcano.

De igual maneira, recóllense unha serie de medidas de fomento e apoio ao sector  da construción, ao agrogandeiro, ao pesqueiro, á conserva, ao sector forestal e ao do comercio e o turismo, para a dotación e mellora das infraestruturas e para conseguir unha mobilidade de persoas e mercadorías sen emisións.

Dereitos laborais, sociais  e conciliación

Todo isto sen esquecer as amplas medidas que contén o documento en materia de recuperación de dereitos laborais e socias. Unha lexislación que recoñeza novos dereitos e    que ten que comezar inevitabelmente pola derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva, das pensións e do desemprego, de 2010 e 2012  e que se manteñen vixentes a día de hoxe; así como medidas para acadar un teletraballo en condicións dignas e unha conciliación con dereitos diante das necesidades de coidados xeradas pola pandemia.

Relacionado con esta última cuestión, a secretaria confederal de Organización da CIG, Susana Méndez, explicou que a central propón a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, integrado por unha única rede que aglutine as actuais residencias, centros de día, servizos de axuda no fogar etc.; que sexa 100% de xestión pública e que estea dotado suficientemente tanto de infraestruturas e material como de persoal.