A CIG reclama contra a “convocatoria fraudulenta” das eleccións do persoal funcionario de Ourense

Na central denuncian que no proceso impedirase votar a 400 persoas
Ourense - 26 Feb 2019

O sector de Autonómica da CIG-Administración de Ourense presentou unha reclamación na que solicita “o amparo pola fraude electoral argallada entre CSIF, CCOO, UGT e a Xunta de Galiza” xa que no proceso impedirase votar a preto de 400 funcionario/as”.

A central defenderá, no acto de arbitraxe previsto para este xoves día 28 ás 13:00 horas en Ourense, o dereito a voto das preto de 400 funcionarias/os que non poderán participar nas eleccións sindicais ao non habilitarse nin mesas itinerantes, nin mesas nas súas localidades, “ademais de non facilitarse o seu desprazamento a Ourense”. 

Este xoves 28 celebrarase un acto de arbitraxe 

Na CIG entenden que isto é así porque hai traballadores/as que teñen os seus centros de traballo até a 100 quilómetros da mesa, o que lles imposibilitará exercer o seu dereito so voto. “Este dereito debe prevalecer sobre esta fraude, e todos/as os funcionarios/as deben de poder facelo nas mesmas condicións”, afirman.

Xunto a isto, denuncian que tampouco se puxo ao dispor do persoal funcionario ningún medio de transporte que facilite o desprazamento a Ourense para ir votar, nin se aclarou se existe algunha axuda que lles compense os gastos derivados de participar no proceso electoral.

Ademais, lembra que o horario previsto das votacións é de 9:00 a 14:30 horas, o que “impide que a xente que traballe a quendas poida ir en horario laboral, caso de que estiveran na de tarde”. Neste sentido, sinala que, de se producir un accidente, se fose en horario laboral sería “in itinere”, pero tampouco queda aclarado se se consideraría como tal se ocorrera fóra do horario de traballo.

Decisión da maioría sindical

Trátase dunha decisión da Mesa Electoral Constitutiva do 18 de febreiro, forzada pola maioría dos outros sindicatos. Daquela CIG-Autonómica de Ourense presentou a reclamación, en tempo e forma. Porén, a Mesa Electoral Coordinadora contestou avalando a proposta inicial.

Por iso, a responsábel nacional da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, sinala que “o dereito a voto ten que estar por enriba dos intereses das maiorías que se establezan entre as organizacións sindicais”. De feito, lembra que onde a CIG é maioritaria “sempre se garantiu que houbera mesas itinerantes para facilitar a participación”.

A este respecto salienta que a lei di que no caso de haber dúbida na disposición das mesas as organizacións sindicais poden por maioría forzar a colocación, porque o que pretende é ser garantista. “Aquí utilízase de forma mal intencionada para todo o contrario”, conclúe.