A CIG presentará os recursos legais que sexan precisos para impedir que se execute a sentenza contra o compañeiro Pintos

A central iniciará unha campaña a prol do indulto e convocará unha gran manifestación cidadá en Ferrol no mes de xuño
Ferrol - 08 Abr 2022

A CIG vai presentar todos os recursos legais que sexan precisos para impedir que o compañeiro e ex secretario comarcal da CIG-Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, condenado por un delito de atentado á autoridade no marco dunha mobilización no ano 2012, teña que ingresar en prisión. Ademais, a central nacionalista iniciará unha campaña para pedir o seu indulto e promoverá unha convocatoria unitaria dunha gran manifestación en Ferrol no mes de xuño, na que chama a participar a toda a cidadanía porque o obxectivo de todo este  proceso “non é condenar a Pintos como persoa individual, senón perseguir e criminalizar a mobilización como ferramenta para mellorar as condicións laborais e de vida da clase traballadora”.

Así o anunciaron en rolda de prensa o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal, quen informaron que estas accións se acordaron tras coñecerse a sentenza do Tribunal Superior que resolve o recurso presentado polo compañeiro Pintos contra a resolución condenatoria da Audiencia Provincial da Coruña.

Carril quixo trasladar a Pintos todo o apoio e a solidariedade do sindicato, avanzando que “como CIG, levaremos adiante todas as accións que sexan precisas e chegaremos as instancias que sexa necesario para demandar xustiza para o compañeiro, evitar que teña que entrar no cárcere e que se consume este ataque á liberdade sindical”.

A este respecto, Manuel Grandal lembrou que a situación de Pintos vese agravada porque ten pendente de execución outra condena de nove meses por defender as mariscadoras de Mugardos, polo que, con esta nova sentenza condenatoria, podería entrar na cadea.

Recurso ao TC e indulto

A primeira destas accións será precisamente presentar alegacións pedindo a suspensión da execución da condena e, a partir de aí, recorrerase medidas como o recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional. De desestimar o TC a solicitude, “non dubidaremos en acudir ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos en Estrasburgo e, de ser preciso, ao Comité Internacional de Dereitos Humanos da ONU”, explicouse.

De xeito paralelo, a CIG iniciará unha campaña para solicitar ao Goberno español o indulto de Pintos, á que chamamos a toda sociedade e organizacións sociais a que se sumen “porque ante a represión, a unidade debe ser total e sen fisuras, como foi a mobilización no Hotel Almirante en outubro de 2012”. O obxectivo é  acadar a amnistía do compañeiro “como símbolo de auténtica xustiza social ante as decisións inxustas dos tribunais, defensa das liberdades e posta en valor dunha vida de entrega militante na loita polos dereitos da clase obreira por parte de Pintos”.

Neste senso, Carril reiterou ás críticas á sentenza xudicial que condena a Pintos “cando el foi o agredido pola policía, tanto durante as cargas policiais que se sucederon naquela noite, como mentres permanecía detido e incomunicado na comisaría, onde sufriu maltrato e vexacións nas súa condición de persoa, de sindicalista e polo seu pensamento nacionalista e de clase”. “O que se está facendo aquí é converter a vítima en verdugo, pois en todo este proceso nin sequera se tivo en conta a denuncia por torturas presentada por Pintos”, subliñou.

Para acompañar a Pintos e amosar o rexeite social a esta condena, a CIG tamén promoverá a convocatoria dunha gran manifestación unitaria (como a convocada en outubro de 2019) cara a mediados do mes de xuño en Ferrol, na que anima a participar a toda a cidadanía, lanzando tamén un chamado ao resto de organizacións sindicais para que se sumen á mobilización.

Amordazar os dereitos e liberdades

Para o secretario xeral da CIG fica claro que "non podemos permitir máis retrocesos nos nosos dereitos, nin que se pretenda amedrentar e criminalizar a loita obreira por esixir emprego e salarios dignos e o dereito a ter unha vida en condicións dignas". E lamentou que, malia os compromisos programáticos, a denominada Lei Mordaza aprobada no seu día polo PP, xustamente para acalar e perseguir a loita social, non só continúa vixente, senón que a reforma que está tramitando “nin sequera suprime os aspectos máis lesivos da norma e séguense vulnerando os dereitos fundamentais de liberdade de expresión e de reunión”.

Carril referiuse ao contexto sociolaboral no que se produciu a mobilización e detención de Pintos en outubro de 2012, cunha comarca de Ferrol sumida nunha situación crítica, que se agudizou nestes anos pola perda da de emprego, o peche de empresas e as consecuencias do proceso dixitalización e de transición enerxética, que para nada está a ser xusto.