A CIG propón a creación dunha tarifa industrial estábel e predicíbel para as empresas con grandes consumos eléctricos

O anuncio de peche de Alcoa demostra a necesidade de ter unha regulación máis xusta e equitativa
Nacional - 19 Out 2018

A CIG vai propor ao Goberno español, á Xunta de Galiza e á patronal a creación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predicíbeis, á que se poidan acoller as empresas electrointensivas baixo o cumprimento dunha serie de requisitos e que recoñeza o estatus específico deste tipo de industrias grandes consumidoras de enerxía. O anuncio do peche da fábrica de Alcoa na Coruña, revela a urxente e inaprazábel necesidade de contarmos cunha regulación máis xusta e equitativa que rache coa incerteza que provoca a poxa anual do actual sistema de interrompibilidade e que compromete o futuro e a viabilidade da nosa industria de base.

A CIG vén traballando na elaboración desta proposta de xeito conxunto cos delegados e delegadas nas industrias electrointensivas dende hai meses, e ten iniciado unha campaña informativa e institucional para defender a súa posta en marcha inmediata. De feito, o texto da proposta xa foi trasladado á patronal das empresas electrointensivas do Estado (AEGE).

O texto da proposta xa lle foi trasladado á patronal das empresas electrointensivas do Estado (AEGE)

No documento a central propón liberar as estas industrias de pagar as peaxes que non teñen unha relación directa co funcionamento do sistema eléctrico, tales como as primas ás renovábeis, os custes extrapeninsulares, os pagos por capacidade, a segunda parte do ciclo do combustíbel nuclear ou o déficit tarifario, a cambio de cumprir unha serie de requisitos. Porén, os custes das peaxes non abonadas polas industrias non serán asumidos polo resto de consumidores/as, senón que irán a cargo dos orzamentos xerais do Estado.

Compromisos de inversións e melloras sociais

Para compensar esta rebaixa e o esforzo social que implica pasar as peaxes non abonadas polas industrias aos orzamentos, as central defende que as empresas electrointensivas que se acollan a este sistema tarifario terán a obriga de realizar inversións e melloras nos procesos produtivos para manter e ampliar o nivel de emprego directo. Así mesmo, as empresas acollidas a esta tarifa terían que pular polas condicións laborais e sociais nos convenios colectivos, que deberán ser actualizados, como mínimo, co IPC anual.

Doutra banda, e co obxectivo de producir unha rebaixa xeral no prezo da electricidade que repercuta no funcionamento do sector, a CIG defende que habería que retirar do mercado maiorista (o chamado pool) as centrais hidráulicas e nucleares, que pasarán a cobrar por custes recoñecidos aprobados a proposta da CNMC. Hai que lembrar o  mercado eléctrico español diario é un sistema marxinalista no que todas as fontes de enerxías -con independencia do custe de produción- cobran o mesmo prezo, que vén marcado pola última enerxía que entra na poxa e que consegue casar a oferta e a demanda.

O sector enerxético, estratéxico para Galiza

Hai que subliñar que o sector enerxético é estratéxico para Galiza, tanto polo que representa no PIB como por ser un factor relevante para a produción industrial. Porén, e a pesar de producir e exportar enerxía eléctrica, Galiza soporta os custes sociais e ambientais desta actividade, mais non pode favorecer os prezos ás industrias afincadas no país. Por este motivo, resulta difícil comprender que non se adopten novas iniciativas na defensa do noso tecido produtivo, como a proposta que a CIG fixo no seu día a través dunha ILP que, aínda que foi aprobada por unanimidade no Parlamento galego, na súa tramitación o PP baleirou de contido.

Neste senso, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, apunta que "hai tres anos, a CIG levou ao Parlamento unha iniciativa para establecer unha tarifa propia para Galiza que permitira abaratar o custe da electricidade para as industrias e os fogares. A Xunta de Feijoo rexeitou a nosa proposta, cualificándoa de separatista, e reconverteu a ILP nunha lei pola eficiencia enerxética. Curiosamente, por esas datas, o Goberno de Mariano Rajoy aprobaba unha tarifa industrial diferenciada para Euskadi (que agora o PSOE mellorou) e que suporá un aforro de 120 millóns de euros para as empresas vascas".

Por iso, Carril lamenta "o deixamento absoluto por parte do PP e de Feijóo, que renega de aproveitar os nosos recursos para que poidan reverter no noso desenvolvemento económico e industrial, que as nosas empresas sexan máis competitivas, e na creación de emprego; e hoxe nos atopamos con que o futuro de 400 postos de traballo na comarca da Coruña están no aire".

O actual sistema, unha "ruleta rusa"

O actual procedemento da demanda eléctrica supón unha sorte de "ruleta rusa" que fomenta a competencia desleal entre empresas, pon en cuestión os investimentos necesarios para a modernización das fábricas que teñen grande dependencia dos prezo da enerxía, e mesmo facilita procesos de peche de plantas ou redución de persoal coa escusa de ficar fóra dos baixos prezos por culpa da poxa.

Fronte a este sistema perverso que entende a enerxía como un ben máis de consumo e non como un ben básico, a CIG demanda unha tarifa industrial estábel á que se poidan acoller as empresas grandes consumidoras que cumpran unha serie de requisitos de consumo, potencia contratada e dispoñibilidade de interrupción de subministro se fora preciso para a xestión da demanda e os prezos.