A CIG proporá convocar folga no sector das ambulancias no caso de que a Xunta non interveña no conflito

Un grupo de delegados/as mobilizouse hoxe en Vigo para reclamar a negociación do convenio
Vigo - 14 Mar 2018

A FGAMT-CIG anunciou hoxe a súa intención de propoñer a convocatoria de folga no transporte sanitario, tanto do 061 como o non urxente, no caso de que a Xunta continúe sen intervir no conflito laboral aberto para reclamar a negociación do convenio colectivo e rexeitar as pretensións das patronais do sector de aplicar descolgues. Dende a central demándanlle á Consellaría de Sanidade que medie para desbloquear as conversas e que faga pública a información relativa ás renuncias das empresas ao concurso do 061.

Neste contexto, delegados/as sindicais e traballadores/as do sector mobilizáronse hoxe por terceira vez nesta semana tras as protestas desenvolvidas en Santiago e na Coruña. O lugar escollido nesta ocasión foi o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde un nutrido grupo de empregados/as levou a cabo unha concentración primeiro na entrada de Hospitalización e logo diante de Urxencias.

Segundo explica Xesús Pastoriza, responsábel do sector de transportes da CIG, con estas protestas quérese amosar o rexeitamento ao bloqueo patronal á negociación do convenio colectivo, que leva dous anos caducado. Pastoriza puxo o acento na situación complexa do transporte sanitario, xa que no último concurso público moitas empresas presentaron ofertas á baixa (houbo casos de compañías que chegaron a rebaixar até un 12% o prezo) e “cando nos sentamos a negociar o convenio, escusáronse en que os concursos non lles daban para cubrir os gastos e paralizaron a negociación”.

En Galiza hai arredor de 1800 traballadores/as afectados/as “que viven nunha situación de intranquilidade e incerteza absoluta”, engade Pastoriza, porque ademais de obstaculizar as negociacións, “as empresas solicitaron a inaplicación do convenio vixente. Nalgúns casos, como o de Ambuibérica, coa brutalidade de pedir un 25% de rebaixa salarial, e se non se acepta este recorte dos salarios, a patronal ameaza con despedimentos”.

Falta de información sobre as renuncias

Se ben o representante sindical aseverou que até agora os usuarios/as non se viron afectadas “grazas á profesionalidade dos traballadores/as”, tamén advertiu que, a medio prazo, si poderían rexistrarse problemas “porque isto non hai quen o aguante, estanse realizando excesos de xornada de maneira continuada, falta persoal e incluso moitos servizos non están dotados cos medios materiais que establece o contrato”.

Diante desta situación, a CIG (que ten a maioría da representación no sector) demanda a intervención da Xunta “que se nega a sentar con nós. Resulta incríbel que nin o 061, nin o Sergas nin a Consellaría respondan ás nosas solicitudes, cando é a Administración a que ten a chave para solucionar esta problemática. Pois non hai que esquecer que foi a Xunta quen permitiu que todos eses contratos se fixeran como se fixeron e que chegaramos a esta situación”.

Pastoriza reclamou a apertura inmediata da mesa de negociación e a intervención da Administración, “que non pode seguir ignorando a todo un sector e manténdoo desinformado”. A este respecto, subliñou que foi a patronal quen comunicou á representación social a renuncia de seis contratos, que presuntamente a Xunta volverá licitar. “Pero non sabemos se isto é certo. O que pedimos é que nos confirme se isto é verdade”.