A CIG quere trasladar a súa satisfacción pola retirada do ERTE e da rebaixa salarial que pretendía aplicar INDRA
A CIG que trasladar publicamente a súa satisfacción pola retirada do ERTE e da rebaixa salarial que INDRA pretendía aplicar de maneira fraudulenta, aproveitándose da situación de emerxencia sanitaria. Así mesmo, saúda que o posicionamento en contra destas medidas mantido pola central nacionalista dende o primeiro momento fose finalmente compartido por toda a representación legal dos traballadores e traballadoras do grupo INDRA, o que posibilitou que a dirección se vira na obriga de retirar os ERTEs e o recorte salarial.
A CIG rexeitou dende o principio este paquete de medidas posto que a empresa pretendía aplicarllas a un terzo do cadro de persoal até o 15 de xullo e meter "pola porta de atrás" unha modificación substancial das condicións de traballo (cunha redución salarial de entre o de entre un 3% e un 25%), sen achegar a máis mínima información que acreditara a necesidade de levar adiante nin ningunha das medidas propostas: nin a suspensión dos contratos, nin as reducións de xornada, nin a rebaixa das retribucións.
Á vista do rexeitamento xeneralizado que a proposta empresarial causou entre o cadro de persoal, a CIG fai un chamamento á dirección de INDRA a que reflexione a respecto de se a aplicación drástica e agresiva das medidas da reforma laboral é o camiño adecuado para afrontar a actual crise.
Neste senso, hai que lembrar que INDRA é a maior tecnolóxica do Estado español, que conta con participación pública estatal, ten o 90% do seu cadro de persoal facendo teletraballo e presta soporte técnico a servizos públicos (como o SERGAS e a Xustiza) e privados (como R Cable, entidades bancarias, etc.) que na crise actual son de vital importancia para o funcionamento dos servizos básicos e esenciais.