A CIG reactiva a campaña en defensa da automoción para reclamar unha megaplanta de baterías eléctricas en Galiza

Denuncia que o desleixo da Xunta marxina o noso país nos novos proxectos público-privados

Nacional -

A CIG vén de reactivar a campaña en defensa do sector galego do automóbil para reclamar a instalación dunha megaplanta de baterías para coches eléctricos en Galiza, unha vez que o Goberno español anunciou que o proxecto, promovido por un consorcio público-privado, irá para Barcelona. A central sindical desenvolverá este martes 16 unha concentración diante do Parlamento en Santiago de 11:00 a 12:00 horas, onde fará entrega de solicitudes de xuntanzas cos distintos grupo políticos para abordar a perda de peso do noso país polo desleixo da Xunta nunha industria da que dependen milleiros de empregos.

Dende a CIG lembran que o Goberno español anunciou o pasado 4 de marzo a creación dunha megaplanta de baterías para automóbiles en Barcelona, proxecto promovido por un consorcio público-privado no que participan Iberdrola e o fabricante Seat-Volkswagen. Trátase da primeira planta de baterías para coches eléctricos do Estado, e o Goberno comprometeu o proxecto antes da propia convocatoria de axudas dos fondos europeos, anunciando que será un dos beneficiarios dos cartos públicos destinados ao plan de recuperación, transformación e resiliencia. 

Galiza está a perder importantes industrias por falta de investimento público e dunha política industrial propia

Ante as queixas dos diferentes Gobernos autonómicos, o Executivo central xa comprometeu o seu apoio ao proxecto doutra gran planta en Valencia. “Mentres, aquí en Galiza vemos como o gran valedor de Núñez Feijóo, o presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, explota e destrúe o noso territorio, logrando máis megavatios de enerxía e enormes beneficios para afrontar grandes investimentos e proxectos industriais cos que favorecer o desenvolvemento económico noutros territorios, cando o noso país se desangra coa emigración e con peches de empresas”.

Galiza está a perder importantes industrias por falta de investimento público e dunha política industrial orientada a que os nosos recursos, especialmente os enerxéticos, revertan na creación de empregos e na industrialización do país. “Porén o Goberno do Estado, coa complicidade da Xunta, non ten ningún reparo en concederlle ás grandes empresas máis negocio no sector enerxético a conta do espolio económico e do deterioro ambiental do noso territorio”.

Propostas de futuro

A campaña que a CIG vén de reactivar púxose en marcha en 2019 para alertar da grave situación na que se atopa a industria galega do automóbil e achegar propostas de futuro, como a dunha transición galega xusta para o sector da automoción e dos carburantes, ameazada por unha Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética que non contempla alternativas para a actual fabricación de coches a combustión nin diante da implantación de novas tecnoloxías nos procesos de produción que eliminarán os postos de traballo menos cualificados. 

Dende o comezo da crise en 2008 ningunha empresa da automoción escolleu o noso territorio para novos proxectos

O obxectivo era poñer enriba da mesa a ausencia de políticas para o sector que freen o seu esmorecemento progresivo, xa que as principais compañías optan por instalarse en solo portugués. “De feito, dende o comezo da crise en 2008 ningunha empresa da automoción escolleu o noso territorio para novos proxectos, mentres que as que quedan afrontan reducións dos cadros de persoal, precarización das condicións laborais, ameazas de deslocalización, marcha de partes das súas producións as plantas doutros países ou peches”.

Por iso dende a CIG ven con preocupación o desleixo do Goberno galego á hora de aplicar políticas que permitan atraer empresas e a falta de planificación que padece o sector industrial, sen unha política propia que atenda as necesidades e peculiaridades do país. “Por iso insistimos na necesidade de impulsar un plan galego para a industria da automoción ou de apostar claramente pola formación e non por afondar na precarización laboral”.

No marco desta iniciativa a central entregáralle un escrito aos grupos con representación no Parlamento galego solicitándolles que converteran en iniciativas parlamentarias estas propostas co obxectivo de que o Goberno central e a Xunta “aposten de xeito decidido por unha industria estratéxica para Galiza”.

Entre estas propostas, algunhas tan necesarias como impulsar un plan galego para a automoción no que se recollan medidas de apoio a I+D+i, especialización para a produción de vehículos de alto valor engadido e optimización de procesos produtivos; crear unha mesa galega do automóbil integrada polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), as centrais sindicais e as tres universidades.

Ou contar cunha política enerxética de país que reduza os custes e permita maior competitividade mediante unha tarifa eléctrica propia, implementar un plan de rexuvenecemento dos cadros de persoal para garantir o relevo no sector e adaptar a formación profesional pública á nova realidade tecnolóxica derivada da coñecida como industria 4.0 ou cuarta revolución industrial.

Publicidade enganosa

“Mais a resposta da Xunta foi o silencio, mentres asistimos a actos indecentes de publicidade enganosa por parte do seu presidente, do conselleiro de Industria, do presidente da Zona Franca de Vigo e do alcalde”. E iso a pesares de que levan anos prometendo a instalación dunha planta de fabricación de baterías, “mentres PSA xa decidiu que as baterías que montan na planta de Vigo se fabricarán en Francia e Alemaña”. Pero agora, ante o anuncio do Goberno central, volven facer “publicidade enganosa” dunha planta que xa non sería para turismos e automóbiles comerciais, que son a case totalidade dos automóbiles que se producen. 

A falta dunha planta de baterías eliminaría o sector galego da automoción do taboleiro da fabricación do coche eléctrico

Na CIG advirten que non ter unha planta de fabricación de baterías eliminaría o sector galego da automoción do taboleiro da fabricación do coche eléctrico, e polo tanto aumentaría a súa situación de febleza ante os novos cambios que se afrontan no sector.

“A Xunta non pode seguir a xogar un papel irrelevante nunha industria estratéxica para Galiza, facendo unicamente de correa de transmisión das políticas que impón PSA Citroën, polo que se fai imprescindíbel unha planificación axeitada e unha política industrial que garanta a supervivencia dun sector cunha importante incidencia na economía galega e fundamental en comarcas como a de Vigo”.

Volver