A CIG reafirma o seu compromiso coa causa do pobo saharauí nun encontro coa UGTSARIO
A CIG recibiu unha delegación da UGTSARIO en Galiza durante a pasada fin de semana. Esta visita, encamiñada a continuar co afianzamento das históricas relacións entre as dúas centrais sindicais, enmárcase nas liñas de traballo derivadas do seu X Congreso, celebrado en Tindouf en abril deste mesmo ano.
Despois dunha primeira toma de contacto coa celebración dunha reunión o 27 de xuño entre os departamentos de relacións internacionais de ambas organizacións, representados por Xosé Lois Rivera, Amanda Rei e Mohamed Salem, aproveitouse esta nova ocasión para consolidar algunhas das liñas de traballo e colaboración que foran avanzadas anteriormente.
Desta volta, a delegación saharauí estivo composta polo secretario xeral, Nafii Buda, e polo responsábel de relacións internacionais, Mohamed Salem. Durante a xornada do domingo 12 de outubro acudiuse ás reunións de traballo en Ponteareas e Cambados da organización amiga SOGAPS- Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, coa que a nosa central sindical mantén unha estreita relación de colaboración e apoio mutuo, grazas ao convite da súa presidenta, Maite Isla.
Nestas reunións dirixidas a familias que forman parte do programa de acollemento Vacacións en Paz, impulsado pola mesma organización SOGAPS, os representantes da UGTSARIO tiveron oportunidade de presentarse e dirixirlles unhas palabras, tanto para expoñer a situación do Sáhara, denunciar a ocupación, recordar a reivindicación da independencia e recuperación do territorio do Sáhara Occidental ocupado por Marrocos; como para expresar o seu agradecemento á solidariedade do pobo galego, personificada, neste caso, por este programa que permite tecer pontes e estabelecer o contacto entre as familias galegas e as familias saharauís.
Na xornada do 13 decorreu unha reunión de traballo entre a CIG coa presenza do secretario xeral, Paulo Carril, que recibiu a delegación saharauí no local nacional de Compostela, e que permitiu o intercambio co secretario xeral da UGTSARIO, Nafii Buda. Entre as cuestións tratadas, cómpre destacar o intercambio de análises sobre a situación actual de ambos dous pobos, o galego e o saharauí, así como das principais liñas de acción sindical derivadas dos procesos congresuais das dúas organizacións.
Actualización do convenio de colaboración
Non menos importante foi a actualización do convenio de cooperación e colaboración após a avaliación e modificación segundo as achegas das dúas organizacións, que sería renovado coa sinatura dos dous máximos representantes. Como elemento especialmente relevante, pódese destacar a adición dun artigo que senta as bases para estreitar as relacións mediante as federacións de ambas organizacións.
A UGTSARIO avanzou tamén o seu traballo para a organización do Foro Sindical Internacional de Apoio ao Pobo Saharauí en 2026 e para a celebración da EUCOCO en París en novembro deste mesmo ano.
Así mesmo, Paulo Carril amosou o compromiso da central sindical galega coa causa do pobo saharauí e a firmeza na consolidación deste marco de relacións, para o que sinalou a total disposición a empregar todos aqueles foros dos que a CIG fai parte para seguir a denunciar a ocupación por parte de Marrocos, ben a través da presenza na OIT, ben mediante peticións de exixencia de cumprimento das sentenzas sobre a explotación de recursos ao Tribunal de Xustiza Europeo ou no marco do estado español sobre o dereito de recibir cantidades por parte das persoas saharauís que foran traballadoras de empresas españolas durante o período colonial.