A CIG realiza protestas simbólicas nas sete cidades para esixir ingresos e salarios dignos, protección social e seguridade nos centros de traballo

Carril: "Facemos estas accións despois de semanas de achegar propostas, reclamacións e denuncias que non son atendidas nin polas administracións nin polas empresas"
- 23 Abr 2020

A CIG realizou este xoves protestas simbólicas nas sete cidades para reclamar dos gobernos español e galego medidas de protección laboral e social para a clase traballadora e esixir que os custes da emerxencia sanitaria non recaian, unha vez máis, sobre as maiorías sociais. As concentracións, nas que participaron sobre dez persoas garandando as correspondentes medidas de seguridade, desenvolvéronse diante da Delegación do Goberno na Coruña, das Subdelegacións de Pontevedra, Lugo e Ourense e nos edificios da Xunta de Galiza de Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, explica que a central acordou realizar estas accións de carácter simbólico "despois de semanas de achegar propostas, reclamacións e denuncias que non son atendidas nin polas administracións nin polas empresas". Por iso, aseverou, "hoxe estamos aquí para reivindicar o cobro do paro e dos salarios, porque a falta de ingresos está a empobrecer moito máis ao conxunto do pobo traballador; medidas de protección social para todas as persoas sen exclusións nin discriminacións; un control estrito do cumprimento das medidas de seguridade do persoal que está a traballar; e respecto polos dereitos e liberdades civís".

As medidas aprobadas afondan na precariedade e na pobreza

Paulo Carril denuncia que as medidas aprobadas dende o decreto do estado de alarma "son inxustas e insuficientes", están a provocar un regueiro de despedimentos e ERTEs, e afondan na precariedade dos colectivos laborais máis vulnerábeis (como os empregados e empregadas eventuais ou con contrato a través de ETTs), para quen non se adoptaron medidas de protección que lles permita ter uns ingresos dignos.

Nesta liña, reclamou do goberno que habilite mecanismos para garantir o cobro inmediato das prestacións por desemprego dos miles de persoas afectadas por un ERTE, de maneira que se abone o paro en canto estean confeccionadas as nóminas sen ter que agardar ao día fixado de pago. Carril alerta da crítica situación económica na que se atopan centos de traballadores e traballadoras que, a día de hoxe só percibiron unha parte dos salarios de marzo "e non teñen certeza algunha de canto nin cando poderán cobrar o desemprego".

A problemática dos coidados, en evidencia

A este respecto tamén apuntou que esta crise deixa en evidencia a problemática dos coidados, que seguen recaendo de xeito maioritario sobre as mulleres que, de non poder acceder ao teletraballo, deben facerse cargo das crianzas e das persoas dependentes sen outra alternativa que acollerse a unha redución de xornada parcial ou total,  co que isto implica de merma nos seus ingresos.

"E se algo está demostrando esta crise, engade, é que as profesións feminizadas  resultaron servizos esenciais, a pesar de seguir sendo as máis precarizadas e desvalorizadas. É crucial pór fin a esta situación".

Abusos patronais

Xunto a isto, o secretario xeral da CIG advertiu do abuso patronal que se está a producir, favorecido pola decisión política de afrontar esta crise, a nivel laboral, tomando como punto de partida unha reforma laboral "que xa debería estar derrogada na súa integridade". A vía dos ERTEs -sen garantías sequera de mantemento dos empregos- está prexudicando enormemente a importantes sectores da clase traballadora, sen mencionar que moitas empresas están aproveitando a emerxencia sanitaria para levar adiante suspensións de emprego fraudulentas, mesmo rexistrándose casos de empresas cun ERTE vixente nas que se obriga o seu persoal a acudir a traballar.

De igual maneira, a CIG critica que baixo a escusa da pandemia da Covid19 se subtraian competencias ás autonomías, reforzando o discurso centralizador e españolistas co beneplácito e a conivencia, no caso de Galiza, do Goberno de Feixoo; se despregue o exército e a policía para labores de control e vixilancia social, pero non para supervisar que se garanta a protección da saúde nos centros de traballo; ao tempo que se pretenden limitar os dereitos e as liberdades baixo o perigoso discurso da seguridade cidadá.

Coa vista posta no Primeiro de Maio

Carril alerta que canto máis se tarden en corrixir estas inxustas medidas que se foron tomando, máis difícil vai ser que saída desta crise sexa xusta para todas as traballadoras e traballadores e para o conxunto das maiorías sociais. De aí que anime a aproveitar a celebración do Día Internacional da Clase Traballadora para reclamar un xiro radical nas políticas.

"Estamos ás portas da conmemoración do 1º de Maio, unha data de reivindicación da clase traballadora na que neste ano 2020, ante a situación que estamos a vivir, máis que nunca temos que facer escoitar as nosas demandas porque non podemos permitir que nos sigan a empobrecer e a roubar os nosos dereitos mentres se facilita todo tipo de abusos patronais", sentenza.