A CIG rebélase contra a represión sindical en Depósitos Coballes do Rosal

Convoca unha marcha e non descarta folga para denunciar o acoso ao persoal que apoia a central
O Rosal - 16 Mar 2021

A CIG non está disposta a permitir a represión sindical que se vive na empresa Depósitos Coballes do Rosal, polo que vén de convocar unha manifestación para rexeitar o acoso laboral ao que está sometido o persoal que apoiou a central nas eleccións sindicais ou que é membro do comité. Ademais, non descarta medidas máis contundentes como unha folga para facerlle fronte á actitude da dirección, que mesmo despediu o traballador máis activo sindicalmente días antes da presentación do preaviso do proceso electoral.

A marcha sairá este xoves 18 da Cunchada, no Rosal, ás 11:00 horas e rematará diante das instalacións da empresa, no polígono industrial do Viso. Dende a central lembran que a empresa levaba anos sen representación sindical “polo medo do cadro de persoal a enfrontar o que hoxe está a acontecer”.

Neste contexto, a CIG contactou cos traballadores/as despois da negociación dun ERTE derivado da covid, pero a empresa despediu de xeito disciplinario ao traballador máis activo días antes da presentación do preaviso de eleccións sindicais co obxectivo de evitar o proceso.

O Xulgado do Social de Vigo fallou a favor do traballador, declarando a improcedencia do despido e obrigando a pagarlle a correspondente indemnización. “A presión exercida durante o proceso de eleccións foi brutal, chegando a empresa mesmo a celebrar unha reunión advertindo de que baixo ningún concepto podía prosperar a candidatura da CIG”, sinalan.

Ademais, días antes das eleccións presentou un expediente de modificación substancial das condicións de traballo para cambiar de quenda aos traballadores/as máis veteranos/as e utilizou o xefe de fábrica como peza chave para ir sementando medo no taller. “Mais grazas á determinación do conxunto do persoal a CIG conseguiu acadar a maioría no comité de empresa nas eleccións celebradas no mes de setembro”.

Revogación do comité

O seguinte paso da dirección foi intentar revogar o comité “buscando favores en traballadores/as; difundindo bulos no taller; illando aos membros do comité; faltándolles ao respecto mesmo con insultos directos e someténdoos a un control absoluto dos seus movementos; buscando sancións; e deixando claro no taller que quen esta a favor do comité está en contra da empresa e pode perigar o seu posto”. 

A compañía despediu e sancionou a varios traballadores

A compañía está a facer todo o posíbel para impedir as reunións do comité, non contestando as súas solicitudes, negándolle a información que legalmente lles pertence e actuando de mala fe nas negociacións buscando só o desprestixio dos representantes da CIG. Diante disto, a central solicitou o pasado mes de febreiro unha medición do AGA coa intención de dar normalidade ás negociacións coa empresa.

A raíz desta solicitude, a patronal Asime convidou aos responsábeis comarcais da CIG-Industria de Vigo a unha reunión o pasado 22 de febreiro “na que se lle ofreceu ao sindicato unha xuntanza na empresa coa intención de mediar ambas partes entre empresa e comité e atopar unha saída aos temas que estaban enriba da mesa, principalmente categorías profesionais e unhas condicións de saúde laboral moi precarias”.

Lonxe de mellorar as cousas, nos 15 días previos ao encontro a empresa intensificou o acoso no taller, materializando as ameazas con dous despidos de persoas afíns as sindicato, unha delas candidata nas eleccións, advertindo que haberá máis. Tamén sancionou con 5 e vinte 20 días de emprego e soldo a dous membros do comité por sinalar que o tellado das instalacións da compañía supón un perigo para os traballadores/as que son obrigados/as a subir para limpalo. Ademais, advertiran sobre o incumprimento das medidas contra a covid tras unha reunión de 11 persoas nunha oficina de pequenas dimensións.

Suspenden as negociacións

Neste senso, dende a CIG consideran que os cartos que a empresa leva gastado en despidos “como ferramenta de medo e represión” bastaban para solucionar gran parte dos problemas de saúde laboral que o comité vén reclamando.

Ao mesmo tempo, indican que despois de ter esgotada toda vía posible de negociación, “e despois de ter aturado un acoso continuo”, os representantes do comité da CIG, “fartos de humillacións e represión”, anunciáronlle á dirección o pasado 11 de marzo que non van retomar negociación algunha até que os compañeiros despedidos sexan readmitidos e lles sexan retiradas as sancións aos membros do comité.

Por todo isto, decidiron iniciar mobilizacións, sen descartar a posibilidade de convocar folga na empresa, ademais de poñer en coñecemento da Inspección de Traballo de todas as irregularidades en materia de saúde laboral e de presentar denuncias en Medio Ambiente, Facenda e Xulgado do Social pola vulneración do dereito de liberdade sindical.