Segundo os datos recollidos no informe realizado pola representación sindical da CIG, as executorias incoadas polos órganos xudiciais cuxa actividade tramita esta área pasaron de 1.305 en 2024 a 1.733 en 2025. Son 428 máis nun ano, o que representa un incremento do 32,8 %, mentres a dotación de persoal se mantén practicamente igual.
O aumento concéntrase especialmente nas dúas prazas da Sección do Penal, cuxas executorias pasaron de 920 a 1.353, un 47,1 % máis. En concreto, a praza 1 rexistrou un incremento do 45,4 % e a praza 2, do 48,7 %. Pola súa banda, as executorias da Audiencia Provincial con sede en Santiago aumentaron un 18 %, pasando de 50 a 59 en 2025. A 7 de outubro de 2026 xa sumaban 61, superando o total de todo o ano anterior.
A Área Penal conta con 10 postos na RPT, aos que se engadiu recentemente un reforzo. Porén, se a dotación inicial se calculou tomando como referencia a carga de traballo de 2024, a aplicación do mesmo criterio proporcional aos datos de 2025 apunta a unha necesidade teórica de 14,71 postos, é dicir, aproximadamente quince postos completos. Por iso a CIG solicita modificar a RPT para crear 5 postos adicionais: 2 de xestión procesual e 3 de tramitación procesual.
Incremento das sentenzas de conformidade nun 132 %
A CIG sinala tamén o impacto da Lei de medidas en materia de eficiencia do Servizo Público de Xustiza, que introduciu no procedemento abreviado unha audiencia preliminar na que as partes poden solicitar unha sentenza de conformidade, que se aplica desde abril de 2025.
Nas dúas prazas da Sección do Penal, as sentenzas de conformidade pasaron de 269 en 2024 a 624 en 2025, o que supón un incremento do 132 %. No primeiro semestre de 2026 ditáronse 256, un ritmo que, de manterse, equivalería a 512 sentenzas anuais, case o dobre das rexistradas en 2024.
A sección sindical lembra que todas as sentenzas de conformidade son condenatorias e dan lugar a unha executoria. Aínda que este procedemento permite acurtar o xuízo, non reduce o traballo posterior de execución, que require as correspondentes liquidacións, requirimentos, comunicacións e anotacións. Ademais, a concentración de numerosas execucións nun mesmo momento incrementa a carga ordinaria do servizo.
Outro dos ámbitos que preocupa á representación sindical é o das executorias por violencia sobre a muller. Segundo o informe, o incremento conxunto das dúas prazas da Sección do Penal foi do 28,10 % en 2025 respecto de 2024. A evolución continuou en 2026 e, a 7 de outubro, o incremento acumulado acadaba o 64,46 % respecto do ano de referencia.
Por prazas, a primeira pasou de 95 executorias en 2024 a 107 en 2025 e 130 a 7 de outubro de 2026. Na segunda, as cifras foron de 26, 48 e 69, respectivamente. O informe advirte de que o rexistro informático desta última materia está incompleto e que os datos de Minerva quedan por debaixo do volume real.
A CIG considera necesaria unha dotación suficiente e unha especialización específica do persoal encargado destas causas, dada a súa complexidade e a necesidade de controlar as penas e medidas impostas, os prazos, as prohibicións de aproximación e comunicación e os posibles quebrantamentos, así como de realizar as comunicacións correspondentes ás Forzas e Corpos de Seguridade.
O sindicato advirte de que os atrasos nestas actuacións poden afectar á protección das vítimas. Ademais, ao tratarse de executorias preferentes, cando o persoal non dá abasto coa carga de traballo, son outras causas as que sofren os atrasos.
Accidente de Angrois
O informe pon como exemplo a execución da sentenza do accidente ferroviario de Angrois, o caso Alvia, que corresponde á praza 2 da Sección do Penal. A sentenza condena por 79 delitos de homicidio e 143 de lesións por imprudencia grave, e establece unha responsabilidade civil que a Audiencia Provincial rectificou parcialmente.
Segundo a información do TSXG do 3 de setembro de 2026 citada no documento, o auto de inicio da execución require á aseguradora o pagamento das cantidades pendentes, desagregadas por persoa prexudicada, así como unha proposta de liquidación de intereses para cada unha delas. Logo darase traslado ás persoas prexudicadas para que formulen alegacións en pezas separadas.
Aínda que estatisticamente todo este procedemento computa como unha única executoria, na práctica implica centos de liquidacións, notificacións e prazos individuais.
A CIG sinala tamén que o cálculo inicial da dotación de persoal non tivo en conta os arquivos provisionais con actividade. Estes expedientes continúan abertos ata a extinción da responsabilidade penal e poden requirir sucesivas actuacións de desarquivo, tramitación e novo arquivo, un traballo efectivo que non aparece nos indicadores de entrada.
O sindicato lembra, ademais, que na xurisdición penal non existe a posibilidade de redistribuír a carga de traballo cara a persoal doutras ordes xurisdicionais, polo que o incremento das necesidades debe afrontarse cos efectivos propios da área.
Esta situación non responde a un pico puntual de actividade, senón a cambios procesuais permanentes, confirmados pola evolución dos datos de 2025 e 2026. Por iso, entende que o persoal de reforzo pode servir como medida provisional, pero non substitúe a necesidade de adaptar de maneira estable o cadro de persoal. “A falta de efectivos non só pode provocar atrasos na tramitación, senón tamén comprometer a protección das vítimas de violencia sobre a muller e a axilidade no pagamento das indemnizacións ás persoas prexudicadas e ás familias do Alvia, que agardan desde 2013”. Para o persoal, a situación supón unha presión constante e un risco de erros con consecuencias graves, ademais dun risco psicosocial que a Administración ten a obriga de avaliar e previr.
Por todo isto, a CIG solicita á Dirección Xeral de Xustiza revisar a dotación da Área Penal do Servizo Común de Execución cos datos de carga de traballo de 2025 e 2026 e modificar a RPT para crear cinco postos: dous de xestión procesual e tres de tramitación procesual; autorizar de inmediato o nomeamento de dúas persoas de reforzo mentres non se faga efectiva esa modificación; incorporar aos criterios de dimensionamento os arquivos provisionais con actividade e as causas de especial complexidade, como a execución do caso Alvia e ditar e notificar unha resolución expresa sobre as solicitudes formuladas.
Considera imprescindible que a dotación de persoal se corresponda coa carga real de traballo para garantir unha tramitación adecuada das executorias penais, evitar atrasos e preservar tanto a protección das vítimas como as condicións de traballo do persoal da Administración de Xustiza.