A CIG reclama a aprobación inmediata, a través dun Real Decreto, dunha tarifa industrial que reverta a crise das electrointensivas

Delegados/as da central concentráronse na Coruña e repetirán protesta o vindeiro martes

Nacional -

Delegados e delegadas da CIG nas industrias electrointensivas concentráronse na mañá deste martes na Delegación do Goberno para denunciar a ineficacia do Goberno español e para esixir a aprobación inmediata dunha tarifa eléctrica estábel, predicíbel e competitiva que permita reverter a crise na que están sumidas este tipo de empresas por mor dos elevados custes enerxéticos. A CIG reitera que precisamos dun novo marco regulador que garanta a industrialización e a creación de emprego no noso país, especialmente atendendo ao desmantelamento imparábel do sector secundario e á condición de Galiza de gran produtora e exportadora de enerxía.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denunciaba "a inoperancia, os incumprimentos reiterados e as mentiras diarias do Goberno español", tendo en conta que despois dun ano da publicación do RD 20/2018 que fixaba un prazo de seis meses para definir un estatuto para a industria electrointensiva, "o que vemos é que non existe tal estatuto e que se agudizou a  crise no conxunto do sector en Galiza".

Carril insistiu en que se pode sacar adiante este estatuto mediante un Real Decreto pola vía de urxencia "porque neste caso a urxencia está máis que xustificada pola situación agónica do sector industrial". Neste marco, a única solución que o Goberno de Pedro Sánchez pon enriba da mesa é a convocatoria dunha nova poxa do servizo de interrompibilidade para a próxima semana, mais en peores condicións que a anterior, ao reducir nun 60% a potencia e os importes asignados.

Nova concentración o martes 17

"Polo tanto imos de mal en peor: un ano despois nin hai un marco estábel, predicíbel e competitivo nin hai tampouco unha poxa que permita, en tanto non haxa estatuto, que as empresas non estean nunha situación permanente de incerteza e incluso de perda de postos de traballo", advertiu. Ante a ausencia de actuacións da Administración e as nefastas perspectivas, Carril anunciou que a CIG repetirá concentración na Delegación do Goberno o vindeiro martes, 17 de decembro, ás 11:00horas, coincidindo co proceso de poxa.

Paulo Carril alertou da parálise na fábrica de aluminio da Coruña ante o incumprimento, por parte do socio inversión, na execución do plan industrial anunciado e a falla de seguimento por parte do Goberno español; que Alcoa San Cibrao continúa coas series de electrólise paradas e incluso podería acontecer que a empresa non participe na poxa de interrompibilidade polas condicións nas que se vai desenvolver, "dificultando así moi máis futuro da actividade produtiva e dos empregos"; e lembrou tamén os ERTES nas fábricas de Ferroatlántica.

Sobre as plantas de aluminio, o secretario xeral da CIG reclamou do Goberno a constitución inmediata da mesa de traballo -comprometida pola ministra Reyes Maroto durante a visita ao complexo mariñán- para abordar a problemática que atravesa Alcoa San Cibrao; así como a posta en marcha do plan industrial e o arranque da electrólise na fábrica de Alu Ibéria da Coruña.

Volver