A CIG reclama a cobertura dunha baixa entre o persoal do comedor do CEIP Silleda

Denuncia que a política de recortes da Xunta afecta a calidade do servizo

Silleda -

A Unión Local a Estrada-Deza vén de reclamarlle á Consellaría de Educación que cubra a baixa que se produciu entre o persoal do comedor do CEIP Plurilingüe de Silleda, unha vez que o departamento autonómico comunicase a súa intención de non facelo. Dende a central denuncian que a política de recortes que aplica a Xunta do PP afectará a calidade deste servizo.

Na CIG explican que o CEIP de Silleda, con categoría D, presta servizo de comedor a un total de 285 crianzas, polo que segundo a normativa actual lle corresponde un equipo de catro operarios/as: un/unha oficial de 2ª e tres axudantes de cociña. 

A Consellaría dixo nun primeiro momento que a baixa non se cubre por seren de curta curta duración, pero logo recoñeceu que non hai partida orzamentaria

Mais o pasado día 23 de novembro, e tras causar baixa médica por incapacidade temporal unha das axudantes de cociña, o centro comunícalle a situación á Administración educativa, recibindo por resposta a negativa a cubrir esta baixa por “non atoparse en ratios”, asegurando que con ese número de comensais corresponde unha persoa menos, “cando a lexislación recolle os números anteriormente expostos”.

Entón a CIG ponse en contacto coa Delegación Territorial de Pontevedra, que confirma que non se cubrirá a baixa por ser de curta duración, “indicándonos ao mesmo tempo que se a baixa tivese unha duración maior teríano en consideración”. Pero a continuación a baixa médica da compañeira amplíase, “como se pode ver a día de hoxe na aplicación informática da Consellería na que se publican as vacantes para a súa tramitación, figurando como data de inicio o 22/11/2018 e con duración prevista dun mes”. Dada esta prolongación dende a central interésanse novamente pola cobertura da praza, pero a resposta da Consellaría foi que se esgotou a partida orzamentaria “e que non teñen cartos para mandar a ninguén”.

Diante disto, decidiron denunciar publicamente a actuación do departamento autonómico, “ao non asumir a súa responsabilidade de xestión do servizo”, xa que, pese ao exposto pola propia Consellaría, o servizo de cociña e comedor leva realizándose nestes últimos días con menos efectivos dos que son imprescindíbeis”. Isto supón un aumento da carga de traballo para o persoal non docente do centro educativo, “sendo unha unha vez máis os traballadores/as do centro os que asumiron a responsabilidade do servizo a fin de manter os mínimos de calidade esixidos fronte á neglixencia e deixadez da Xunta”.

Recortes do PP

Na CIG teñen moi claro que o acontecido é froito das políticas de recortes do PP en materia de educación e servizos públicos, “situación que temos denunciado en tantas ocasións e que se constata na partida orzamentaria do vindeiro ano, tal e como sinalamos a pasada semana xa que os orzamentos de Educación levarán implícita unha redución de persoal dun 0,40%, rompendo a tendencia dos últimos exercicios, nos que se mantiña conxelada a cifra na partida de persoal, e retrotraéndonos a cifras anteriores ao ano 2015”.

Finalmente, agardan que a Consellaría rectifique “a súa teima de primar dende a óptica economicista a solución aos problemas e necesidades da comunidade educativa” e resolva canto antes esta situación que obriga a duplicar esforzos por parte do persoal do centro, “a fin de garantir a calidade do servizo de comedor no CEIP de Silleda. “Porque de non darse solución nos vindeiros días, esta central sindical tomará as medidas oportunas para que se resolva positivamente esta demanda”.

Volver