A CIG reclama a cobertura inmediata dunha praza de limpador/a no IES Anxel Fole

Lugo - 22 Mar 2019

A CIG-Administración Autonómica en Lugo demanda da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a cobertura inmediata dunha praza de limpador/a no IES Ánxel Fole, na que a titular da mesma está en situación de incapacidade laboral de longa duración.

A CIG considera inaceptábel que mentres se incentiva economicamente ao ensino privado e concertado, "o público conta cada vez con menos medios para desenvolver o seu labor". Un claro expoñente e falta de cobertura "tan básica e necesaria" como o posto de limpador/a do IES Ánxel Fole. A día de hoxe neste centro, as compañeiras da persoa que se atopa en situación de baixa laboral son as que están a soportar unha maior carga de traballo "porque a Consellería non considera importante cubrir esta praza durante o período de duración da baixa e opta por dobrar o traballo do resto do cadro de persoal".

Neste senso, o sector de Autonómica lembra que a Xunta de Galiza xestiona unha listaxe de substitución para estes casos "pero a arbitrariedade á hora de tomar a decisión de que prazas se cobren nestes períodos de ausencia dos/das titulares e cales non, fai que sempre sexa imprevisíbel esta decisión, independentemente das necesidades dos centros".

Por estas razóns, fan un chamamento á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para que cubra con urxencia a praza de limpador/a do IES Ánxel Fole de Lugo "e que se deixe de xogar coa educación pública privándoa cada vez de máis medios".