CIG pide a convocatoria da Mesa das Pontes e sacar xa a concurso os 700MW dos Grupos 3 e 4 da central térmica

Mantivo unha conversa co MITECO para coñecer a situación actual das instalacións
As Pontes - 27 Set 2022

A CIG-Industria mantivo unha conversa no día de onte, luns 26 de setembro, coa directora do Instituto para a Transición Xusta (organismo dependente do MITECO) para coñecer polo miúdo a situación da central térmica das Pontes tras a decisión de manter operativos dous grupos e pechar outros dous. Nesa conversa, á vista dos cambios que se están a dar no marco enerxético, a CIG reclamoulle ao Ministerio que estabeleza unha canle de información permanente sobre o estado da central térmica.

De igual xeito, a CIG pediulle a convocatoria formal e urxente da mesa das Pontes xa que neste organismo están presentes todas as partes implicadas: o MITECO, a Xunta de Galiza, Endesa e os axentes sociais. O impacto que o proceso de transición ten para este concello e a súa contorna require transparencia na información e non depender só de foros estatais nos que As Pontes carece de relevancia.

En canto á situación determinada polo Goberno español para os catro grupos da central térmica, indicar que ten semellanzas coa proposta de cinco puntos feita pola CIG o pasado mes de xullo, aínda que con importantes matices. A central nacionalista propón a total operatividade dos Grupos 1 e 2, facendo unha revisión completa das instalacións, e non só unha revisión á mínimos para poder funcionar como pretende o Ministerio.

Ademais, a CIG non está de acordo co límite temporal de operatividade marcado polo MITECO, até xuño de 2023, considerando unha temeridade poñer prazos neste momento de absoluta incerteza enerxética en Europa. Neste senso, subliñar que as obrigas que o Ministerio pon a Endesa a respecto das garantía de persoal (tanto propio como da industria auxiliar) rematan en xuño do próximo ano.

Sobre os Grupos 3 e 4, que na práctica xa están inoperativos, a CIG volveu demandar non só que se inicien as obras de desmantelamento (o que significaría traballar en paralelo coa actividade dos Grupos 1 e 2), senón tamén a liberación urxente dos 700 MW de evacuación que Endesa ten asignados para a Fase II e a convocatoria xa do concurso de transición xusta deses MW, que é onde realmente As Pontes se xoga a súas posibilidades de reindustrialización.

Hidróxeno verde

Aproveitando este contacto telefónico, a CIG-Industria trasladoulle ao MITECO a negativa sorpresa pola recente comunicación da UE autorizando axudas públicas para a implantación de diferentes proxectos de hidróxeno verde no Estado español, mais ningún deles en Galiza. Esta é a segunda convocatoria de axudas, que ademais contempla toda a cadea de valor, da que o noso país resulta discriminado, malia no caso das Pontes estar anunciados dous proxectos, un da propia Endesa e outro de EDP-Reganosa.

A resposta do MITECO, sen xustificar a exclusión das Pontes -malia ser proxectos que o Goberno central ten que preseleccionar antes da aprobación da UE- é que agardan que haxa máis convocatorias europeas. En calquera caso, para a CIG resulta un pésimo precedente que os anuncios feitos “a bombo e platillo” xa empecen sendo discriminados.