A CIG reclama a intervención pública do sector eléctrico e dos combustibles para garantir prezos máximos xustos
A CIG exixe aos gobernos español e galego a adopción de medidas de intervención pública na economía diante do desmesurado incremento da carestía da vida, por mor dos descontrolados prezos da electricidade, dos combustibles, dos alimentos e de moitos bens de consumo básicos. Medidas que considera imprescindibles para combater unha situación económica e social extrema que está a ter un impacto brutal nas clase populares.
Fixar unha tarifa eléctrica para consumidores domésticos e profesionais
O mercado eléctrico no Estado español é o único da UE no que a última tecnoloxía en entrar no pool é a que marca o prezo, que despois repercute en todos os consumidores e consumidoras. Por iso a CIG entende que é necesario acometer reformas “profundas, amplas e integrais” no sector “para fixar unha tarifa eléctrica que poida garantir unha vida digna e o desenvolvemento dunha actividade económica, social e industrial que cree postos de traballo e que permita o desenvolvemento dun proxecto de vida”.
A central sindical considera que existen mecanismos legais para facelo. Por iso propón que se fixe un prezo de referencia para que o prezo final de consumidores domésticos e profesionais (particulares, profesionais, pequeno comercio, pequena empresa, sector agrario…), que teñen unha potencia contratada entre os 10 e os 15 kw/hora, oscile entre os 10 e os 60 euros por megavatio hora. Unha medida cunha duración de 24 meses, revisable trimestralmente, até a estabilización dos prezos dos últimos anos.
Topar os beneficios das eléctricas
Canda isto reclama unha Tarifa Eléctrica Galega; modificar o sistema tarifario, limpando a factura de todos os cargos; unha rebaixa xeral no prezo da electricidade, retirándoa do pool; control e límite do beneficio obtido polas eléctricas, cun tope máximo de beneficio-minoración do exceso de retribución, como mínimo do 15% do custo de xeración. O que supere esta porcentaxe terá que pagar unha taxa pública para financiar o abaratamento do prezo da electricidade. E a creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade.
Isto xunto coa reversión das instalacións hidroeléctricas; a fiscalización das concesións hidroeléctricas en vigor; modificar transitoriamente os impostos que actualmente están na tarifa eléctrica e que as concesións de instalacións de produción de enerxías renovables cumpra as condicións ambientais e estean vinculadas a proxectos de desenvolvemento económico ou plans industriais.
Acceso aos combustíbeis
Para garantir o acceso aos combustíbeis a CIG apunta ademais a necesidade de que o goberno español fixe un prezo máximo de gasolina e diésel para paliar os altos prezos dos combustíbeis, cunha duración de 6 meses, mentres non se estibilicen os prezos e non se avance nunha solución fiscal xusta. “Para fixar estes prezos máximos, o Goberno tomará como base o prezo medio que existía en gasolineiras o 24 de febreiro de 2022”, conclúe.