A CIG reclama a participación de Política Social e da Inspección de Traballo na elaboración do protocolo de seguridade nos SAF

Na xuntanza celebrada hoxe a instancias da FEGAMP a central tamén demandou a activación das negociacións do convenio colectivo do sector
Nacional - 09 Set 2025

A CIG-Servizos reclama a presenza directa da Consellaría de Política Social e da Inspección de Traballo nas xuntanzas para elaborar un plan de prevención de riscos laborais e un protocolo de actuación ante o acoso e as agresións no sector de atención a domicilio. Na reunión celebrada hoxe a central sindical instou a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) levar a cabo as xestións oportunas para activar a negociación do convenio colectivo do sector.

Na central sindical entenden que a Consellaría ten que estar representada na mesa de traballo encargada de sacar adiante o protocolo ou ben pola Dirección Xeral ou pola propia conselleira, xa que na xuntanza de hoxe participou a inspección de servizos sociais. De Igual xeito, demandan a participación da autoridade laboral. 

A central solicita ademais unha mesa de traballo específica para abordar as problemáticas da axuda a domicilio

A representación da CIG aproveitou o encontro convocado pola FEGAMP por iniciativa da central sindical para reclamar ademais a constitución dunha mesa de traballo específica para abordar as problemáticas dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF), “xa que nos atopamos ante un modelo obsoleto ao que hai que darlle unha volta”.

En canto ao protocolo contra a violencia nos SAF, dende a CIG explican que durante a xuntanza de hoxe acordouse a elaboración dun borrador por parte do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) con todas as achegas das distintas partes para o seu debate e posterior aprobación. O documento será abordado na seguinte reunión da mesa de traballo que hoxe botou a andar.