A CIG reclama a Teleperformance e a Naturgy o mantemento dos empregos na delegación da Coruña

A empresa de atención telefónica comunicou unha baixada do volume de traballo na campaña de Naturgy
A Coruña - 26 Xun 2019

A sección sindical da CIG en Teleperformance  realizou unha concentración este mércores diante das oficinas da empresa para denunciar a perda de volume de traballo e o risco de peche dos servizos de Naturgy que até agora se viñan prestando na delegación da Coruña. Con esta protesta quérese denunciar a opacidade e falta de información por parte de Teleperformance, pero tamén chamar á atención sobre o feito de que unha empresa como Naturgy, "que se fixo coa galega Unión Fenosa, que explota os nosos recursos e leva os beneficios para fóra do país, estea a precarizar e a destruír emprego en Galiza".

A representación da CIG explica que a dirección de Teleperformance vén de anunciar unha baixada de volume de traballo nunha das campañas que se prestan dende a delegación da Coruña, en concreto a que atende o mercado regulado da comercializadora eléctrica Naturgy (antiga Gas Natural Unión Fenosa). "A empresa dinos que a baixada de traballo foi solicitada polo propio cliente e aínda que pedimos información sobre este punto, Teleperformance non nos facilitou ningunha documentación", apunta Tino Fernández, da sección sindical da CIG.

Esta campaña ocupa actualmente a unhas 100 persoas e, segundo comunicou a propia empresa, estase valorando a recolocación noutras campañas da delegación a unhas 20 persoas. "Pero os movementos que se fixeron de traballadores/as xunto ás formacións que están realizando, xa exceden con moito esas 20 persoas", advirte. Fernández explica que estes  movementos suporán o despedimento  de empregados/as con contratos temporais para poder recolocar o persoal indefinido, así como modificacións das súas condicións laborais.

Movemento similar ao de hai seis anos

Ademais, a representación do persoal tivo coñecemento de que IBM vén de conseguir o contrato de servizos de Naturgy (redes, comunicacións, sistemas informáticos e atención ao cliente. "Coincide ademais que hai unha das campañas (ATR) na que tamén se está producindo unha baixada de volume de traballo, e que xa se presta en parte dende Teleperformance e en parte dende a filial de IBM. Por iso, moito nos tememos que esta manobra sexa un calco do ocorrido hai seis anos, cando Gas Natural pechou o servizo da comercializadora de mercado libre de Gas Natural Fenosa afectando a máis de 100 empregos", denuncia Fernández.

Daquela, grazas a presión e á mobilización social, o cadro de persoal conseguir rebaixar o impacto até ás 42 persoas. De aí que a sección sindical CIG decidira convocar mobilizacións para socializar o conflito e as consecuencias que pode ter tanto para os traballadores/as como para o conxunto da sociedade galega, chamando ao resto da representación no comité á sumarse á convocatoria. Un chamamento ao que só respondeu a CGT, que tamén participou na concentración deste mércores.

Con esta protesta, subliña Tino Fernández, "queremos denunciar a opacidade e falta de información por parte de Teleperformance, pero tamén pór a atención no feito de que unha empresa como Naturgy, que se fixo coa galega Unión Fenosa, que explota os nosos recursos e leva os beneficios para fóra do país, está a precarizar e a destruír emprego en Galiza. Reclamamos emprego digno na nosa terra, non aceptamos a precarización laboral nin moito menos que se leven o traballo fóra”, aseveran.

A empresa non respecta o acordo alcanzado no AGA

Xunto a isto, Fernández denuncia a degradación das condicións laborais que se produciu ao longo do pasado ano na empresa, que levaron á convocatoria de diversas mobilizacións. Finalmente, chegouse a un acordo no AGA "que a empresa non está respectando". Así, indica, Teleperformance comprometeuse a facer 66 ampliacións de contrato definitivas a persoal de Orange que un mes despois de subscribir o AGA seguen sen realizarse; e nin sequera temos os datos, nin información das persoas afectadas ou dos criterios a seguir".