A CIG reclama ao SERGAS a equiparación do persoal de limpeza dos hospitais do Barbanza, O Salnés e Cee

Presentaron esta maña, na consellaría de Sanidade, as sinaturas de todas as traballadoras, denunciando as desigualdades nas súas condicións laborais
Nacional - 19 Mai 2025

Representantes da CIG presentaron esta mañá no rexistro da consellaría de Sanidade as sinaturas -48 no hospital do Salnés, 23 no de Cee e 23 no do Barbanza- de todas as traballadoras dos servizos de limpeza dos centros sanitarios, para denunciar as desigualdades laborais que sofren e reclamar ao SERGAS a súa equiparación.

Foi Xan García, secretario da Unión Local de Ribeira, quen explicou que “nos hospitais do Barbanza, Cee e O Salnés non se dá a equiparación do persoal de limpeza como en outros hospitais comarcais”, salientando que, mentres o persoal do SERGAS goza de mellores condicións, na Coruña aplícase un convenio provincial de limpeza “por debaixo en dereitos sociais e económicos”. No Salnés, porén, as diferenzas son menores en salario, pero persisten en permisos e licencias.

García sinalou unha “diferenza substancial en materia de xornada”, explicando que “o persoal do SERGAS traballa unhas 1600-1700 horas, mentres que no convenio da Coruña están en máis de 1750”. Esta situación, que cualificou de “grave”, afecta a traballadoras que realizan o mesmo labor pero con menos dereitos.

Irregularidades e Precarización

Xabier Santos, da Unión Local de Cee, detallou ademais as irregularidades que se dan nas concesionarias, en casos como “cando unha limpadora colle vacacións ou está de baixa, camúflanse contratos a media xornada”. Isto incumpre os pregos de condicións das licitacións, comprometendo a calidade do servizo. Santos lamentou que, malia teren “a razón” en reunións con departamentos técnicos, “as decisións políticas e orzamentarias van por outro lado”. A CIG exixe que se respecten os pregos e se garantan contratos axeitados para cubrir baixas e vacacións, asegurando condicións dignas.

Anxo Lúa, pola súa banda, contextualizou a situación do Salnés, onde o hospital, orixinariamente unha fundación, foi integrado no SERGAS no 2008 tras un decreto da Xunta. Lúa denunciou que “quedou desatendido o servizo de limpeza do hospital do Salnés”, mentres se melloraron as condicións en hospitais como Montecelo e Provincial. Sinalou que “non entendemos por que unhas traballadoras da mesma área sanitaria teñen condicións diferentes”, subliñando a inxustiza nun sector feminizado como este onde “unha vez máis atopámonos coa precarización do traballo feminino”.

Por iso a CIG demanda a equiparación inmediata destas traballadoras coas condicións do SERGAS e doutros hospitais comarcais. As traballadoras esixen equiparación salarial, redución da xornada e melloras en materia de permisos e licencias. Lúa instou a “retomar e equiparar as condicións laborais e salariais do colectivo”, mentres García reclamou que “facendo o mesmo traballo, teñan as mesmas condicións, mais cando traballan todas para o SERGAS”. Santos engadiu que a campaña busca “evitar situacións de incumprimento dos pregos” e garantir contratos dignos.

A central sindical critica por á Xunta por non abordar estas desigualdades, permitindo que as concesionarias perpetúen a precariedade. A CIG alerta sobre o impacto social, xa que a precarización afecta a un colectivo maioritariamente feminino -representan o 95%- reforzando as desigualdades de xénero no mercado laboral galego.