CIG-Servizos de Compostela porá en coñecemento da Autoridade Laboral a situación de impago dos salarios do mes de setembro das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, para que sancione á empresa por incumprimentos graves en materia laboral. A central sindical trasladará a situación que padecen ao concello para que sancione e rescinda este contrata, facéndose cargo directamente do servizo, e á FGAMP para que non poidan optar a concursos da administración pública.
A UTE Siad24/Asistenzia, concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar de Compostela, comunicou ás traballadoras que non percibirán o salario do mes de setembro. Esta empresa xa adebeda a paga extra do mes de xullo e co impago desta nómina a situación vai ser totalmente insostible para este colectivo.
Non utilizar o vehículo particular
A isto hai que engadirlle o número de quilómetros que teñen que facer entre domicilios co coche particular, que é moito maior en quilometraxe para o persoal que desenvolve o servizo pola zona rural da capital de Galiza.
Quilometraxe que a empresa tampouco vai abonar, polo que unha das medidas que vai adoptar o persoal vai ser a non utilización do seu vehículo persoal, á espera de que a empresa lles facilite unha alternativa para poder desprazarse.
Tamén se están a producir baixas médicas por esta situación que está a provocar nas traballadoras crises de ansiedade e depresión. “Non é só non cobrar a nómina da paga extra de xullo e a nómina de setembro, senón que este persoal ten que adiantar cartos para poder pagar o combustible. Cartos que non teñen e que está derivando nunha situación de extrema necesidade entre as traballadoras, porque non poderán facer fronte ao pago do alugueiro ou da hipoteca da súa vivenda.