A CIG reclama do Goberno español e da Xunta valentía política para evitar que A Mariña se converta nun ermo industrial
A CIG denuncia a pasividade dos Gobernos español e galego que, malia a precipitación dos acontecementos, seguen sen pór en marcha as medidas necesarias para garantir a continuidade dos empregos e da actividade produtiva no complexo de San Cibrao "condenando deste xeito a toda a comarca da Mariña a converterse nun deserto industrial e negándolle a todos os mariñaos e mariñás o dereito a poder vivir e traballar dignamente" na súa terra.
"Estamos na conta atrás, e canto máis tempo se tarde en tomar as decisións políticas, máis difícil será atopar unha saída favorábel", aseveraba o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, pouco antes de comezar a manifestación deste tarde en Burela. Lembrou que, ás portas de iniciarse o período de consultas do ERE de Alcoa, o Goberno español continúa sen clarificar un calendario para a aprobación do estatuto electrointensivo e sen concretar as medidas complementarias para crear unha tarifa industrial estábel, competitiva e predicíbel que remate coa permanente incerteza no industrias con grandes consumos enerxéticos.
Nesta liña, denuncia que se "convocan as reunións da Mesa Multilateral, pero nin Alcoa ten interese por negociar unha saída -como demostra o feito de que vaia presentar xa o ERE-, nin os Gobernos español e galego dan resposta á axenda acordada no marco desta mesa para abordar as problemáticas da fábrica de San Cibrao, dar garantías ao emprego (tanto da principal como das auxiliares) e fortalecer as capacidades produtivas".
Sen esquecer que Alcoa pode marcar a folla de ruta, executando de maneira unilateral o despedimento de 800 traballadores e traballadoras, porque así llo permite a reforma laboral que o PP impuxo en 2012 e que o Goberno de coalición mantén vixente a día de hoxe. "O Goberno ten que pór en marcha de inmediato os mecanismos para a intervención pública da planta, porque a estas alturas, e á vista do postura de Alcoa, este é a única vía para garantir os empregos e o futuro dun sector estratéxico para Galiza como o do aluminio", aseverou Carril.
Que as instalacións retornen ao sector público onde naceron, insistiu, non só é legalmente posíbel, senón que é viábel, tal e como evidencia o exemplo da planta de Portovesme en Italia, de características moi similares ás da fábrica galega.
Neste punto, Paulo Carril apuntou á responsabilidade tamén da Xunta de Galiza, que ten competencias en materia industrial e de emprego "que debe exercer na defensa do noso tecido produtivo e póndose a cabeza desta demanda para a intervención pública da factoría. Na crise industrial, económica e social que atravesamos, Galiza non pode permitirse perder máis tecido produtivo nin destruír máis empregos", aseverou
Unha comarca abandonada durante décadas
Neste senso, o secretario da Unión Local da Mariña, Xorxe Caldeiro, subliñou que a actividade do complexo de San Cibrao constitúe o motor económico da comarca (e un terzo do PIB da provincia de Lugo), pero a súa privatización no ano 1998 provocou "que o noso futuro quedara ligado ao beneficio económico privado".
Un feito ao que se sumou á privatización do sector eléctrico, que funciona en réxime de oligopolio impondo prezos abusivos, sendo o Estado español dos poucos de Europa que non ten control ou participación nas empresas enerxéticas. Sobre esta cuestión, Caldeiro salientou o despropósito que supón que nun país como Galiza, excedentario na produción de enerxía, pechen empresas polos elevados custes da electricidade.
"O que se nos propón como alternativa para a comarca é un turismo absolutamente estacionalizado, pois incluso sectores tradicionais e outrora estratéxicos como o agro, a gandaría e a pesca, hoxe están esmorecendo", advertiu.
A este respecto, Caldeiro denunciou o abandono ao que está sometido a Mariña dende hai décadas, tanto a nivel de infraestruturas, como de servizos ou investimentos, a pesar das enormes potencialidades que ten. "Recibimos promesas de plans de reindustrialización que foron papel mollado, incapaces nin uns gobernos nin outros de artellar alternativas para diversificar o tecido industrial e económico, nin impulsar aquelas infraestruturas e servizos que sistematicamente foron reclamados".
Lembrou o responsábel da CIG da Mariña que, de consumarse os plans de Alcoa, sumaríase ao ronsel de empresas que foron desaparecendo, ou sufren problemas e procesos de regulación de emprego, como Industrias Pardiñas, Parquets Lorenzo, IPV, Aglomerados Ecar, Muebles Hermida, Costrucciones Mon, Gres Burela, Ecesa, Conservas Alonso, Costiña, etc.
"É o momento de actuar, non de pasarse as responsabilidades dun executivo a outro. A Xunta e o Goberno estatal teñen as competencias e os medios necesarios para facer realidade o que non fixeron en moitos anos. A Mariña non pode agardar máis", sentenciou.