A CIG reclama información sobre a apertura dun centro de día na Farixa, en Ourense

Alerta sobre a privatización dun servizo que atende a un colectivo vulnerábel como o de maiores
Ourense - 14 Feb 2019

A sección sindical da CIG no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar de Ourense vén de reclamarlle publicamente á Consellaría de Política Social que informe sobre a apertura dun centro de día no centro interxeneracional da Farixa, xa que os únicos datos dispoñíbeis até o de agora son os que recollen os medios de comunicación.

A representación da CIG no Consorcio amosa o seu malestar polo feito de que a Administración non dea conta dos plans que ten para o centro e alertan da privatización dun servizo público que atende a un colectivo vulnerábel como é o de persoas maiores. 

Denuncian que a decisión responde a intereses electoralistas e que con ela buscan favorecer empresas amigas

“Os únicos datos que aportaron os direccións dos centros refírense a que as persoas usuarias do centro interxeneracional da Farixa son trasladadas dos centros públicos na súa totalidade e que o espazo do centro de día será compartido cunha escola infantil A Galiña Azul”, sinalan, ao tempo que denuncian que se descoñece o tipo de actividades que se van realizar neste espazo interxeneracional.

“Todo isto ten consecuencias, como a adaptación que precisarán os usuarios/as ou a merma do servizo, xa que non conta coa diversidade de profesionais en comparación cun centro de atención público á que estaban acostumados/as”. Ademais, entenden que ao tratarse dun espazo interxeneracional haberá unha diminución na atención ao usuario/a ancián/a e usuario/a neno/a “e presentarase un conflito ao considerarse un espazo xestionado polo Consorcio e outro por unha xestión privada de persoal, traendo consigo conflito de traballadores/as ante diferentes condicións laborais”.

Intereses electorais e empresas amigas

Consideran que o traslado responde a intereses electorais e con el búscase favorecer a empresas amigas, “o que nos leva a pensar que o importante é ter o centro cheo para a foto e non para proporcionar un servizo de calidade aos nosos/as maiores”.

Lembran que a pesar da falta de información por parte da Administración sábese que a fundación Amancio Ortega doou 5,6 millóns de euros para a edificación e o equipamento e cedeulle o inmoble ao Consorcio, “pero a Xunta entregoulle a xestión a á empresa privada Atendo calidade, á que lle vai pagar 574.923 euros por dous anos de xestión”.

Polo tanto, dende a CIG esixen unha aclaración inmediata sobre a apertura e as condicións nas que se pretende inaugurar as instalacións, “e pedimos que o centro de día, igual que acontece coa Galiña Azul, sexa na súa totalidade de xestión pública”.