A CIG reclama o dereito de Galiza a estar incluída na estratexia de transición enerxética da UE

Reuniuse coa directora de Mercados de Carbono para coñecer o contido e alcance do "novo acordo verde"

Bruxelas -

Unha representación da CIG formada polo secretario nacional da Federación de Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, e por Alberte Amado, membro da Executiva da Federación, participou este xoves no encontro organizado polo BNG coa directora de Mercados de Carbono, Beatriz Yordi, para avaliar as políticas europeas relacionadas cos procesos de transición enerxética e descarbonización e demandar a inclusión de Galiza no acordo político (o chamado Green and Fair New Deal) que está a elaborar a UE para afrontar este proceso.

Na xuntanza, trasladouse a preocupación polo forte impacto que o proceso de transición ten na nosa terra, especialmente na zona das Pontes, polo feito de ser unha potencia en produción enerxética, a tal punto que exportamos case o 40% da electricidade que producimos. Porén, esta produción está en mans dunhas poucas empresas foráneas que facturan millóns de euros ao ano e, no caso concreto das Pontes, co paradoxo de Endesa ser propiedade dunha empresa pública italiana, Enel, que repatría o capital para ese país.

Tamén se explicou a debilidade na que se atopa unha parte importante do noso tecido produtivo, nomeadamente a industria electrointensiva, dada a elevada dependencia do uso da enerxía no seu proceso produtivo. “Transmitímoslle unha visión da problemática real que supón o proceso de transición enerxética para Galiza”, explican os representantes da CIG.

Por iso, reclamaron o dereito de Galiza a estar incluída nese novo pacto verde, atendendo ao maior esforzo relativo no compromiso europeo de descarbonización da enerxía e da economía que leva aparellado o peche total ou parcial das centrais térmicas de carbón (Galiza ten unha nas Pontes e outra en Meirama) e polas implicacións sociais, económicas e laborais (directas ou indirectas) que estes cese de actividade conlevan.

"Momento crucial"

De igual xeito, aproveitouse a reunión para pedir información concreta sobre o estado de elaboración do Green and Fair New Deal, que contido e alcance terá, cales son os prazos e ámbitos de aplicación e que procedementos de desenvolvemento se barallan. Neste senso, Beatriz Yordi adiantou que se espera que o debate no parlamento europeo do plan de transición ecolóxica se produza a principios do próximo ano.

Por iso, a CIG entende que “estamos no momento crucial de esixir que Galiza estea incluída nese novo pacto verde. Os Gobernos galego e español teñen que actuar rápido e con dilixencia para garantir que Galiza, e concretamente As Pontes, poidan acceder ás liñas de axudas e aos fondos que se destinen a tal fin”.

Neste senso, Bouzas Aboi e Amado demandaron que non sexa determinante a existencia de mina no territorio para poder acceder a estas liñas “porque o impacto do peche das térmicas das Pontes e Meirama para reducir emisións de CO2 é similar ou maior que o que van ter outros territorios”.

Volver