A CIG reclama que se dote de material a futura sala de autopsias da Cidade da Xustiza de Vigo

Denuncia que as actuais instalacións do hospital Nicolás Peña non reúnen as condicións mínimas

Vigo -

O sector de Xustiza da CIG-Administración vén de remitirlle un escrito á secretaría xeral técnica da Consellaría de Presidencia, responsábel das obras da Cidade da Xustiza de Vigo, reclamando que se dote de material axeitado a futura sala de autopsias do Instituto de Medicina Legal de Galiza (Imelga). Dende a central sindical denuncian que as actuais instalacións, situadas no hospital Nicolás Peña, non reúnen as condicións mínimas.

A solicitude da CIG-Xustiza prodúcese a raíz dos anuncios de que os traballos de construción e rehabilitación da nova sede xudicial viguesa poderían estar rematados no mes de novembro, polo que apelan á “necesidade imperiosa” de dotar as instalacións do correspondente material (mesas de autopsias, mesa de tallado, lavadoiros, armarios de material, cámaras frigoríficas, grúas/plataformas de traslado, sistema de ventilación, etc) para a súa inmediata posta en funcionamento. 

Na central sindical consideran que non se poden manter as actuais instalacións do Nicolás Peña

Na central sindical consideran que non se poden manter as actuais instalacións do Nicolás Peña, xa que non reúnen as condicións mínimas para o desempeño da labor de realización de autopsias, “como se ten constatado en innumerables ocasións nas revisións efectuadas polos equipos de prevención de riscos laborais”.

Neste senso, lembran que unha sala de amortallamento non é unha sala de autopsias, “e o que hai no Nicolás Peña é unha adaptación e conversión mediocre dunha sala de amortallamento dun hospital en pretendida sala de autopsias que, curiosamente, ten ventás practicables a un camiño público, como se non resultaran perigosos os aerosois que se puideran concentrar en ditas instalacións á hora de realizar determinadas autopsias”.

Clausura das instalacións

Por iso demandan da Administración que proceda a licitar os concursos de adxudicación do material correspondente para a dotación e posta en funcionamento da sala de autopsias, “deixando de lado, dunha vez por todas, as infames instalacións do Nicolás Peña”.

Neste senso, agardan non ter que recorrer á Inspección de Traballo para que abra un acta de inspección e tome en consideración a clausura das instalacións da sala de autopsias, “xa no só polas malas condicións para os traballadores/as públicos/as alí exercentes, se non tamén polo perigo para a cidadanía en xeral”.

Finalmente, tamén fixeron unha serie de observacións realizadas polo persoal destinado no Imelga de Vigo (auxiliares de autopsia e médicos forenses) en relación coa distribución dos espazos fixados nos planos das futuras instalacións que se atopan no Concello de Vigo.

Volver