A CIG reclama que se limite o traballo nos parques eólicos a garantir o funcionamento dos aeroxeradores

A Federación de Industria dirixiu escrito ao Ministerio de Traballo, ao de Sanidade e á patronal do sector
Nacional - 24 Mar 2020

A CIG-Industria vén de dirixirse ao Ministerio de Traballo, Ministerio de Sanidade e á patronal do sector eólico para demandar que se reduza a actividade de mantemento e operación dos parques á mínima indispensábel para o funcionamento dos aeroxeradores, así como para reclamar que se adopten as medidas organizativas e preventivas necesarias para garantir a seguridade dos traballadores e das traballadoras e evitar a expansión dos contaxios.

A día de hoxe, explica o responsábel do sector eólico da CIG-Industria, Alberte Amado, na maioría das empresas estase traballando do mesmo xeito que nunha situación de normalidade, cuns protocolos de prevención escasos, con Equipos de Protección Individual mínimos ou sen outros materiais para a hixiene dos traballadores/as, dos vehículos, dos propios aeroxeradores e da ferramenta que xeles hidroalcohólicos. 

De igual maneira, tampouco  se está a actuar para garantir que se manteña a distancia mínima de 1.5m entre traballadores/as. De feito, sinala, en empresas como GES Siemsa os desprazamentos entre parques seguen realizándose en parella e na maioría dos casos sen máscaras, a pesar de que o decreto de estado de alarma dispón que os movementos deben ser individuais. 

Primar o arranxo das avarías

Amado destaca que a actividade nos parques eólicos resulta básica para garantir a subministración eléctrica "pero as empresas non pode obviar a situación de risco actual e teñen a obriga de preservar a saúde do seu persoal". Por iso, a CIG-Industria demanda non só que se dote as traballadoras e traballadores dos EPIS necesarios senón que se reorganice o traballo de maneira que non se teñan que facer todas as actividades cotiás, senón primar o arranxo das avarías indispensábeis para o funcionamento dos aeroxeradores, e que o resto do persoal permaneza de garda.

"Mais estas medidas non deben supor unha perda das condicións económicas e laborais dos traballadores e traballadoras do sector", matiza.

Limitar os deprazamentos

De igual xeito, a CIG pide que se limiten os desprazamentos do persoal (que se continúan a facer con normalidade entre provinciais e autonomías) para evitar novos contaxios, seguindo os criterios das autoridades e o disposto no decreto de alarma. Ademais, apunta que o peche do sector hostaleiro -que sufrirá limitacións máis severas nos próximas días-, imposibilita que os/as compañeiros/as desprazados/as poidan pernoctar e xantar, "atopándose nunha situación inasumíbel". 

Por parte de empresas como GES Siemsa, a que peor está xestionando a crise, a única alternativa que se ofrece a este persoal é a de que leven a comida da casa (non tendo lugar habilitado para comer) e a de non pasar a noite fóra, "o que supón facer xornadas moi por enriba das oito horas laborais e que moitas veces non se garanta o descanso mínimo entre xornadas de 12 horas. Isto constitúe un incumprimento en materia de xornada e tamén en materia de seguridade e saúde", advirte Amado.