A CIG reclama un plan de viabilidade e investimentos para garantir a actividade e o emprego na fábrica de Guidoni

A empresa incide na mesma medida que xa se demostrou ineficaz e acaba de presentar un novo ERTE
Narón - 28 Out 2025

Guidoni Quartz Spain vén de presentar un novo expediente de regulación temporal de emprego para a fábrica de Narón despois de que a xustiza anulara o anterior ERTE. A empresa teima na mesma medida prexudicial para as traballadoras e traballadores que durante estes meses se evidenciou ineficaz para atallar os problemas de subministración e mala organización, sen estudar outras alternativas.

Tras coñecerse a resolución xudicial, a empresa desistiu do ERTE e acto seguido formulou unha nova regulación temporal con afectación a todo o cadro de persoal e cunha vixencia dun ano. Nesta ocasión, a diferenza do expediente previo, a dirección alega causas económicas pero non organizativas. Unha manobra, ao entender da CIG, coa que a empresa busca evitar outra sentenza negativa.

Porén, a CIG reitera que un despedimento colectivo temporal non solucionará os problemas que a  factoría de Narón está arrastrando dende hai tempo. “O que se necesita é un plan de viabilidade serio e con investimentos suficientes que garanta a capacidade produtiva, a continuidade dos empregos e sobre todo a subministración de materia prima para poder atender os pedidos”, salienta o secretario comarcal da Federación de Construción e Madeira da CIG de Ferrol, Marcos Sánchez.

Lembra que durante o tempo que estivo en vigor a anterior ERTE “nin se mellorou a produción e a organización do traballo, nin a medida serviu para corrixir problemas como a falta de materias primas”. O único impacto real do ERTE, recalca Sánchez, foi para os traballadores e traballadoras que viron como minguaban os seus salarios ao ter que ir durante meses ao desemprego.

Por iso, a postura da CIG no inicio do período de consultas segue a ser a mesma: un ERTE non é a medida axeitada para resolver os problemas da planta. “Cómpre elaborar un plan de empresa serio e con cartos enriba da mesa”, asevera Sánchez.