A CIG reclama unha aposta clara dos gobernos para dotar os estaleiros da ría de Ferrol das infraestruturas que precisan

A central esixe investimentos para construír o dique cuberto e o dique de carenas e fortalecer turbinas
Ferrol - 26 Nov 2021

O secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal, e o secretario da sección sindical da CIG en Navantia Ferrol, Marcelino Amado, compareceron este venres en rolda de prensa para denunciar a parálise total nos investimentos destinados aos estaleiros da Ría de Ferrol, esquecidos nos Orzamentos do Estado e da Xunta, e criticar a ausencia dunha aposta real por fortalecer o naval público, aproveitando os fondos europeos para dotar de novas infraestruturas e modernizar as instalacións, garantindo así a súa viabilidade.

"A Xunta de Galiza e o goberno central teñen que investir e buscar os fondos para unhas instalacións imprescindíbeis para o presente e o futuro dos estaleiros, o dique cuberto e o dique de carenas, e teñen que traballar por consolidar a reorientación de Turbinas", aseveraba Amado. Quen lanzou unha chamamento ao conxunto da comarca a facer forza nestas demandas "porque se non logramos agora que sexan atendidas, estaremos  moitos anos arrepentíndonos. Temos que aproveitar toda a transformación tecnolóxica que se anuncia a nivel europea, non podemos perder ese tren".

Abundando nesta cuestión, Manuel Grandal incidiu en que, "unha vez máis, Ferrolterra e a súa comarca non poden quedar só con compromisos políticos que nunca se cumpren". "É o momento, engadiu, os fondos europeos están aí, existe o chamado PERTE de naval, e as administracións teñen que darlle un pulo ás infraestruturas que levamos anos reclamando, porque son o futuro do estaleiro pero tamén son o futuro da comarca".

As limitacións dos estaleiros lastran o seu futuro

Marcelino Amado valorou o cambio de postura do novo presidente de Navantia, que na reunión que mantivo co comité esta semana subliñou a importancia de contar co novo dique cuberto, mais ligando a súa construción a que apareza financiamento á marxe das contas da empresa. "Conseguir este financiamento depende de decisións políticas. Na comisión de industria do 30 de setembro aprobouse un compromiso para financiar unhas novas instalacións para o dique cuberto e para o dique de carenas, pero non hai avances ao respecto. É máis, a Xunta e o goberno español remítense a un Plan Ferrol, que non é máis que un brinde ao sol que non dá solucións a estes obras fundamentais para o futuro dos estaleiros", criticou.

Neste senso, Grandal subliñou que a actualidade confirma o acertado das reivindicacións do dique cuberto, pois xa está confirmado que Navantia participará no deseño e construción da fragata europea "e se non temos dique atoparémonos nunha situación moi difícil para competir pola súa construción. Polo tanto esa obra é vital".

Ligado a isto, Amado chamou a atención sobre o abandono de Carenas, que perde contratos por falta do novo dique de reparacións "que permitiría aumentar a facturación deste departamento, co conseguinte impacto no emprego e na economía da comarca". Lembrou que do gran proxecto para Carenas anunciado pola Xunta nada se sabe "e non podemos deixar pasar a oportunidade de ter unhas novas instalacións que nos poñan no futuro, porque deste sector sáese en cinco minutos pero tárdase décadas en recuperar a carga de traballo".

Como exemplo, sinalou que a transformación da plataforma canadense suporá unha carga de traballo importante pero ao tempo deixa de manifesto as deficientes infraestruturas do estaleiro, xa que durante o tempo que a plataforma ocupe o dique "non se poderán facer os traballos tradicionais de reparación de gaseiros e demais barcos. De ter instalacións adecuadas poderíamos facer esa obra e coller máis carga de traballo".

Non podemos deixar pasar a oportunidade de ter unhas novas instalacións que nos poñan no futuro"

Na mesma liña pronunciouse Grandal, quen salientou a enorme riqueza que xerarán os traballos desta plataforma que dará 900.000 horas de traballo, das que 800.000 van ser subcontratadas. "A Xunta de Galiza ten unha enorme responsabilidade e debe afrontar a redacción do proxecto dese dique de reparacións, ten esa obriga como titular das competencias en industria", afirmou.

Advertiu tamén das limitacións das instalacións de Ferrol "porque nas gradas non collen os barcos, que cada vez son de maior tamaño e as navieiras están levando as súas flotas a outros estaleiros", perdendo así Navantia opcións de conseguir nova carga de traballo.

Sobre outras das pezas fundamentais do estaleiro, Turbinas, subliñou Amado o cambio de orientación dos últimos meses ao encadrarse agora na área de "Enerxías Verdes", unha demanda que a parte social levaba tempo reivindicando. Pero advertiu que a día de hoxe, Turbinas só ten consolidada carga de traballo para o naval militar, posto que a liña de negocio de hidróxeno, tratamento de residuos, enerxías renovábeis etc. "son futuríbeis sen concretar".