A CIG reclama unha modificación “profunda” da Lei de Impulso Demográfico promovida polo PP

Susana Méndez: “Deposita nas mulleres a responsabilidade de frear o declive demográfico”

Nacional -

A CIG demandou esta mañá, en rolda de prensa, un cambio profundo na Lei de Impulso Demográfico promovida polo PP. Entende quea demografía non se impulsa só con axudas á natalidade, senón cunha regulación do mercado de traballo galego que garanta salarios dignos, empregos estábeis e compatíbeis co coidado das persoas.

A central sindical, que xa presentou, no seu momento, as súas alegacións no Consello Económico e Social é moi crítica co contido desta lei que apenas recolle medidas concretas e non incide nas causas que provocan o declive demográfico como o desemprego, a precariedade, o desmantelamento industrial ou o despoboamento do rural, entre outras.

Neste sentido, o secretario de Políticas Sociais da CIG, Antonio Mera, cuestionou un texto “con moita declaracións de intencións” pero escasas medidas de aplicación práctica ou outras que xa existen, como a tarxeta benvida, o bono concilia ou a bolsa de horas, entre outras.

Fronte a isto Mera -que compareceu xunto con Susana Méndez, secretaria de Organización e Miguel Malvido, secretario de Política Institucional- denunciou que o proxecto de lei a debate no Parlamento non ataca os factores que causan a perda demográfica e denunciou que no actual contexto de “precariedade laboral e pobreza salarial consecuencia dunhas reformas laborais que cargan o custo da crise por riba do lombo da clase traballadora e que non permiten vivir con dignidade” a mocidade ten que seguir emigrando “perdendo o país a súa forza de traballo máis produtiva e as súas aportacións sociais”.

Na mesma liña, o secretario de Política Institucional e representante da CIG no CES, Miguel Malvido, subliñou que desde 2008 a poboación entre 29 e 39 anos decreceu 4 veces máis que no conxunto do Estado; que perdemos 196.000 persoas activas menores de 40 anos que representan hoxe o 35% do total de poboación activa, cando antes representaban o 50%.

Xunto a isto salientou que nesta década perdemos máis de 148.000 persoas asalariadas entre os 18 e os 35 anos e subliñou que máis de 370.000 mozos e mozas menores de 35 anos non chegan ao salario medio anual en Galiza.

Plan Galego de Política Industrial

Para Malvido estas cifras constatan non só as precarias condicións laborais da xente nova, senón tamén que o camiño polo que optaron foi a emigración. Por iso -e tendo en conta a crise industrial que padece Galiza, e que foi precisamente nos países cunha industria forte nos que mellor se superou a crise- reclamou un Plan Galego de Política Industrial, seguindo o modelo da ILP presentada pola CIG no que se recollían 100 medidas para favorecer a recuperación económica e a creación de emprego.

Ao seu entender “a saída está nese cambio de rumbo” e nunha regulación do mercado de traballo galego que garanta salarios dignos e empregos estábeis que permitan á mocidade traballar en Galiza e vivir dignamente sen necesidade de emigrar.

A responsabilidade nas mulleres

Pola súa banda, a secretaria de Organización, Susana Méndez, denunciou que o proxecto de lei “deposita nas mulleres a responsabilidade de frear o declive demográfico”, relegando ás mulleres ao papel de nais e coidadoras e  entendendo a conciliación só para que estas “poidan exercer os coidados” sen fomentar en ningún momento a corresponsabilidade.

Méndez, , denunciou ademais que as axudas que se recollen no anteproxecto para o acceso á educación infantil de 0 a 3 anos “son a demostración evidente do desleixo deste goberno, que subvenciona prazas en escolas infantís privadas e non ten como prioridade a creación de novas escolas infantís públicas”.

A lei recolle a figura de “voluntariado”tanto para “brindar apoios esporádicos na crianza” como para o “acompañamento a persoas maiores” o que, para Méndez desvaloriza o traballo de coidados que, maioritariamente, fan as mulleres. Por iso demandou a súa revalorización e profesionalización, “dándolles ademais as condicións laborais, de xornada e salarios dignos que precisan e que hoxe non teñen”.

Neste sentido reclamou a integración non só dos traballos de coidados senón tamén dos de axuda no fogar no Consorcio Galego de Benestar que “a día de hoxe se están prestando, na maior parte dos casos, con subcontratacións a empresas que teñen mulleres traballando na máis absoluta precariedade e con salarios miserentos”. Unha medida que considerou que “si tería efecto nas cifras demográficas”.

Xunto a isto a secretaria de Organización chamou a atención sobre as escasísimas medidas concretas  para fomentar a natalidade e subliñou que “ninguén decide ter fillos por ter unha rebaixa nas peaxes das autoestradas galegas ou por ter cambiadores en certos locais”.

Non garante servizos básicos no rural

Méndez cuestionou ademais que diante do despoboamento do rural non haxa un só artigo no que se garanta que os servizos básicos se presten no rural. De feito sinalou que si se fala de “accesibilidade aos servizos básicos” pero en referencia a transporte e infraestruturas para desprazarse ata os que están nas cidades, e puxo como exemplo o establecemento que se recolle na lei, para as persoas dependentes, dunha “rede dixital de acompañamento e seguridade no fogar”, o que para a secretaria de Organización da CIG veñen ser “coidados prestados a distancia”.

Por iso denunciou que cada vez se afasten máis os servizos, con peches de escolas unitarias; coa creación de macro áreas de xestión integrada na sanidade ou con medidas como o recén revertido peche do paritorio de Verín, grazas á presión social. “O PP escribe unha cousa na lei cunha man, mentres a outra non treme ao reducir servizos e axudar a que se agrave a situación de perda de poboación no rural”.

Volver