A CIG reclama unha transición enerxética xusta e galega e solucións para o persoal afectado polo peche de Meirama

Naturgy e as auxiliares néganse a negociar medidas para dar continuidade aos empregos
A Coruña - 18 Xun 2020

A CIG realizou unha esta tarde  na Delegación do Goberno na Coruña para  demandar do Goberno español e da Xunta unha transición xusta e galega, así como alternativas para o persoal afectado polo peche da central de Meirama. Esta mobilización foi acordada na asemblea de traballadores e traballadoras das auxiliares da central celebrada o pasado venres, na que se abordou a falta de solucións para este persoal, a pesar da proximidade do peche efectivo da central, prevista para dentro dun mes.

Cómpre subliñar que tanto as compañías auxiliares como Naturgy néganse de maneira reiterada a negociar solucións transitorias para dar continuidade aos postos de traballo durante o proceso de desmantelamento das instalacións, a pesar de que este luns xa se executaron despedimentos nunha das principais contratas, MASA, "e hai unha incerteza absoluta sobre o futuro do resto dos empregos".

A CIG denuncia a precipitación dos acontecementos e das decisións empresariais no proceso de peche das centrais térmicas galegas sen que existan alternativas industriais e de emprego para as comarcas afectadas. Por esta razón, explica o secretario xeral, Paulo Carril, o pasado 4 de xuño, "dirixímonos á secretaría xeral de Industria para demandarlle concreción nos proxectos e medidas que poida haber para a comarca dentro da estratexia de transición, así como avanzar en plans específicos para dar solución ao futuro laboral dos traballadores e as traballadoras. Pero a día de hoxe aínda non obtivemos resposta".

Carril critou que o Goberno español, a pesar de ser a de Meirama unhas das primeiras centrais en pechar, non teña asinado aínda ningún convenio de transición para a comarca; "mentres o Goberno de Feixoo permanece calado ante este feito e máis preocupado porque Naturgy siga mantendo unha posición privilexiada que por dar unha solución á continuidade dos postos de traballo".

Advertiu que os instrumentos que o Goberno español e a Unión Europea teñen dispostos para o proceso de transición non se están a aplicar en Galiza. "O Executivo español non os ten activado e dende a Xunta tampouco se está a tomar ningunha iniciativa para que se leven adiante".

Naturgy marca os ritmos do proceso

Critica que sexa Naturgy quen estea marcando os ritmos neste proceso de transición en función dos seus intereses, sen ofrecer garantías de emprego nin para o seu persoal nin para os traballadores/as das auxiliares, e pretendendo substituír a produción de enerxía con carbón pola produción eólica, "nun proxecto que conta co parabén e o auspicio da Xunta, pero que nin xerará emprego nin tecido industrial na comarca".

A este respecto, denunciou que a eléctrica nin sequera está disposta a reubicar o persoal nas tarefas previstas no plan de desmantelamento das instalacións, que se prolongarán por uns cinco anos, mentres se buscan alternativas industriais. Lembrou que a día de hoxe "están practicamente máis do 60% dos traballadores/as despedidos/as dende que Naturgy anunciou o peche da térmica. Xa só queda unha parte reducida do cadro de persoal para o que non existe alternativa".

"Baixo o  paraugas da económica verde, as eléctricas pretenden substituír unhas fontes de produción de enerxía por outras, sen asumir ningún tipo de responsabilidade social nin ambiental polo dano causado, nin tampouco teñen intención de ceder a súa posición privilexiada de acumulación de máis ganancias polos altos prezos da electricidade que impoñen, sen control público de ningún tipo", denunciou Carril.

Fronte a esta proceso pensado para beneficio das grandes empresas enerxéticas, o secretario xeral da CIG reitera que para, ser xusta e democrática, no social e no territorial, "a transición debe significar avanzar en soberanía para Galiza, en poder decidir sobre o noso modelo económico e industrial, e neste sentido ter a capacidade de poder levar adiante un plan de industrialización dende o sector público que potencie e vertebre a industria galega, que priorice as inversións feitas por forzas sociais galegas fronte ás inversións estranxeiras".

Así as cousas, Carril xa adiantou que a CIG continuará nas vindeiras semanas coas mobilizacións tanto diante das instalacións da empresa como nos edificios da Xunta e do Goberno español.