A CIG reclama xudicialmente sobre a sociedade promotora de Altri, na que participaba a Xunta até a súa disolución

Presentou un contencioso administrativo contra a resolución que denega o aceso aos expedientes de Impulsa Galicia sobre o proxecto da compañía portuguesa
Nacional - 04 Set 2025

A CIG decidiu presentar un contencioso administrativo para demandar información sobre Impulsa Galicia -a sociedade participada pola Xunta, Abanca, Reganosa e Sogama a través da que se promoveu o proxecto de Altri- tras a resolución da Comisión de Transparencia non admitindo a reclamación presentada pola central sindical contra a falta de contestación de Impulsa Galicia a unha petición de acceso á seguinte información:

-Expediente ou documentación completa do proxecto de “iniciativa tractora” desenvolvido por Impulsa Galicia para a transformación de madeira en fibra téxtil. 

Impulsa Galicia, promotora do proxecto de Altri, anunciou a súa disolución pouco despois de que a CIG iniciase os trámites reclamando documentación

-Expediente ou documentación completa do “proceso selectivo” realizado por Impulsa Galicia e que deu lugar á escolla de Altri como “investidor e tecnólogo”.

-“Memorando de Entendimento (MdE)” subscrito entre Impulsa Galicia e Altri para estudar “em exclusivo e no contexto de uma parceria” a construción dunha “biounidade industrial”.

-“Acordo definitivo” entre Impulsa Galicia e Altri que, de ser o caso, fose subscrito despois do MdE.

-Documentación das xestións realizadas por Impulsa Galicia para a cooperación con Altri na “tramitación administrativa” do proxecto.

Curiosamente, Impulsa Galicia, sociedade de capital público-privado, anunciou a súa disolución o pasado 7 de agosto, poucos meses despois de que a CIG iniciase en abril os trámites reclamando a documentación a respecto da “iniciativa tractora” para a transformación de madeira en fibra téxtil e a escolla de Altri como “investigador e tecnólogo”.

Comisión de Transparencia

A central sindical acode á vía xudicial, de acordo ao prazos legais, unha vez esgotada a vía administrativa para ter acceso a información sobre a Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia (Impulsa Galicia), “xa que nun exercicio de opacidade e escurantismo” a sociedade non contestou a solicitude cursada o pasado mes de abril e a Comisión de Transparencia de Galiza decidiu non admitir en xuño a reclamación presentada por este motivo, tal e como denuncia o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

Pouco despois, a comezos de agosto, en pleno período estival, Impulsa Galicia facía público un comunicado anunciando a súa disolución <<una vez constatado el cumplimiento de su propósito fundacional: contribuir a acelerar la recuperación económica de la comunidad aútonoma en el escenario pospandemia>>. Remataba así unha andaina iniciada en abril de 2021 <<para agilizar iniciativas empresariales tractoras que incidan en la dinamización, el progreso y la transformación de la economía gallega a través de un modelo verde y digital>>.