A CIG pídelle a Medio Rural medidas de protección tras o positivo no SPIF dunha localidade pontevedresa

Aposta por quendas de 10 horas e por grupos de traballo “o máis estancos posíbeis”

Pontevedra -

O sector de Autonómica da CIG-Administración reclámalle á Consellaría de Medio Rural que implante medidas adicionais de protección tras o positivo por covid-19 rexistrado días atrás no punto de encontro do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) na provincia de Pontevedra.

Dende a central solicítanlle ao departamento autonómico que explique cales foron os pasos que se seguiron na xestión desta continxencia, ao tempo que demandan a posta en marcha de protocolos de seguridade para evitar o contacto masivo entre o persoal co obxectivo de protexer a súa saúde “para non minguar a atención do servizo de incendios nunha época tan perigosa para os lumes”. 

Tamén demandan hixienización exhaustiva e limpeza de EPI

Algunhas das propostas achegadas pola CIG para garantir a seguridade do persoal do SPIF e evitar novos contaxios por coronavirus pasan por implantar quendas de 10 horas “de cara a reducir a presenza simultánea de persoal nos puntos de encontro” e por organizar grupos de traballo “o máis estancos posíbeis”, para o que consideran básico o binomio brigada-motobomba.

Outras medidas teñen que ver co establecemento dunha hixienización exhaustiva unha vez por día (a maiores das medidas de limpeza e desinfección establecidas nos protocolos), así como implantar un procedemento de aplicación dos protocolos “único, igual e fiábel para todos os casos”. Finalmente, demandan a posta en marcha dun sistema de limpeza dos EPI para que o persoal non os teña que levar á súa casa.

Ao mesmo temo, dende a CIG-Autonómica queren deixar claro que nestes momentos non consideran oportuno o establecemento dun sistema de prestación de servizo localizable para o persoal do SPIF. “Si o apoiamos no mes de marzo, pero as circunstancias eran diferentes, xa que estabamos ante condicións meteorolóxicas máis beneficiosas, con menor risco de lumes intencionados ou neglixencias debido a unha situación de confinamento masivo”.

Servizo esencial

Lembran que o SPIF é un servizo de emerxencias esencial adicado principalmente á prevención e á extinción de incendios forestais, “e coas circunstancias actuais, parécenos tremendamente irresponsábel solicitar o paso a unha prestación de servizo localizable que poida minguar a prestación do servizo público”.

Xa que co cambio dos modelos meteorolóxicos e da tipoloxía de lumes “agresivos e incontrolábeis” e coa sucesiva proliferación dos lumes de interface urbano-forestal e explosións convectivas “faise básico reducir na medida do posíbel os tempos de reacción, que durante o confinamento se incrementaron de xeito excesivo”.

Volver