A CIG reclámalle ao Concello de Vigo que investigue a rede de corrupción nas oposicións de Policía local e Bombeiros

Insta o Goberno local a garantir a limpeza e a transparencia dos procesos selectivos de persoal

Vigo -

A sección sindical da CIG no Concello de Vigo reclámalle ao Goberno local que investigue a existencia dunha suposta rede de corrupción organizada nas oposicións de Policía municipal e Bombeiros. Dende a central sindical instan tamén a tomar as medidas necesarias para garantir a limpeza e a transparencia dos procesos selectivos de persoal.

A presunta existencia desta rede, que se atopa baixo investigación xudicial e na que estarían involucrados/as funcionarios/as municipais, foi revelada polos medios de comunicación a comezos de decembro. Ademais, posteriormente fíxose pública unha sentenza do TSXG que condena o Concello por ter manipulado as oposicións de Policía local de 2019. 

O Concello négase a abrir dilixencias informativas e de investigación

Diante disto, a CIG remitiulle un escrito ao departamento de Recursos Humanos solicitando a apertura de dilixencias informativas e de investigación para tentar esclarecer “esta grave situación, e sobre todo para instar o Concello a garantir a limpeza e transparencia dos procesos selectivos de persoal”. Na súa resposta do pasado día 20, o departamento municipal declina a apertura de calquera tipo de dilixencia.

Política de balóns fóra

En consecuencia a central sindical volveu insistir cun escrito enviado este martes 28, obtendo o mesmo resultado. “Entendemos que a negativa a investigar plasmada neste documento non é a resposta axeitada a un problema de extrema gravidade, xa que o Goberno local utiliza unha política de balóns fóra que non remata coas sospeitas sobre determinadas prácticas na selección de persoal”.

Tendo en conta ademais que distintas sentenzas xudiciais colocaron nos últimos tempo o Concello de Vigo “non precisamente como un exemplo de limpeza e boas prácticas nos procesos selectivos, se non máis ben todo o contrario”.

Volver