A CIG reclámalle ao Goberno convocar a mesa multilateral, recuperar a autorización dos ERE e unha tarifa eléctrica para frear os plans de Alcoa

A central sindical volveulle trasladar á ministra o informe da UdC que avala a legalidade e viabilidade da intervención pública

Xove -

Na reunión telemática que este mércores mantivo a representación social co Ministerio de Industria para abordar a situación da fábrica de Alcoa San Cibrao, a CIG esixiu do Goberno español que adopte de inmediato medidas lexislativas para evitar os despedimentos e convoque a mesa multilateral para abordar neste marco unha solución definitiva que garanta a continuidade de todos os empregos e da actividade industrial.

Por parte da CIG, o secretario xeral, Paulo Carril, lembroulle ao Ministerio que a Administración estatal pode tomar no inmediato varias medias para frear os plans de Alcoa e manter os empregos. A empezar pola aprobación dun Real Decreto que recupere a autorización administrativa dos ERE, tal e como existía antes da reforma laboral de 2012. Deste xeito, a decisión de despedir a 800 traballadores e traballadoras non estaría en exclusiva nas mans de Alcoa.

"De igual xeito que se modificou pola vía de urxencia a reforma laboral do PP para anular os artigos que permitían os despedimentos por baixas de curta duración, o Goberno de coalición pode agora sacar un decreto que retome a autorización administrativa para a execución dos ERE", subliña. Carril engadiu que, de terse derrogado a reforma laboral de 2012 á íntegra, hoxe estaríamos nunha posición diferente para enfrontar os recortes propostos por Alcoa.

Ademais, emprazou o Ministerio a que active a mesa multilateral creada o pasado xaneiro en Lugo (na que están representados o Goberno español, a Xunta, sindicatos, comité e empresa) e romper coa senrazón de Alcoa, esixíndolle nese marco a retirada da súa proposta. Neste punto, Industria só asumiu o compromiso de buscar de inmediato unha data para reunir a mesa.

Tarifa industrial eléctrica

Neste sento, o secretario xeral volveu exixir a aprobación de urxencia de medidas para crear unha tarifa industrial en base ás alegacións sindicais presentadas ao proxecto de estatuto do consumidor electrointensivo, sentando as bases para unha tarifa máis xusta, estábel e competitiva. Tanto dende a CIG como dende o comité vense alertando dende hai tempo que calquera alternativa de futuro na produción do aluminio (xa sexa con Alcoa ou con outra empresa) non será posíbel se non se avanza na regulación dun novo marco enerxético.

"Levamos dende finais de 2018 agardando por este estatuto, mais a día de hoxe, e a pesar do acontecido nas fábricas da Coruña e Avilés, dos recortes na produción e as ameazas continuas ao emprego no conxunto da industria electrointensiva, o Goberno segue sen pór en marcha as tan necesarias medidas. É incomprensíbel que nun país como Galiza, excedentario na produción de enerxía, vexamos día si e día tamén como pechan fábricas e se destrúe emprego a causa do elevado prezo da electricidade", asevera Carril.

Informe da UdC avalando a legalidade da intervención

Xunto a isto, a CIG trasladoulle á ministra o informe elaborado pola Universidade da Coruña (a raíz dunha consulta da central nacionalista) que acredita a legalidade e viabilidade da intervención pública da factoría (mediante a SEPI, por exemplo) e o seu retorno ao sector público, onde foi creada.

Este informe xa fora remitido pola CIG ao Goberno español en abril do pasado ano, como solución para as planta de aluminio da Coruña e Avilés. Unha intervención que podería ter carácter transitorio até a aparición dun grupo que se faga cargo do complexo, cun plan de viabilidade e inversións que garantan a produción e os empregos a longo prazo; seguindo o exemplo doutros casos similares en Europa.

Volver