A CIG reclámalle o Goberno que apure os tempos para evitar que Alcoa leve adiante os despidos e a parada das cubas

A central insta a avanzar de maneira decidida no proceso de intervención da factoría
Cervo - 06 Out 2020

A CIG reclama dos Gobernos español e galego avanzar de maneira decidida no proceso de intervención pública da fábrica de Alcoa San Cibrao, xa sexa mediante a adquisición transitoria proposta polo Ministerio de Industria ou abrindo a posibilidade á vía dunha expropiación, "pois neste momento a intervención parece inevitábel". Así o trasladou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, na reunión telemática celebrada esta tarde, na que puxo de manifesto tamén a necesidade dun cambio de políticas para que sectores estratéxicos da nosa economía, como a produción do aluminio, non estean sometidos á vontade das multinacionais.

Pero para non quedar a expensas dos tempos que marque Alcoa, nomeadamente na execución dos despedimentos e unha parada das cubas "que sería desastrosa para a continuidade industrial", Carril subliñou a urxencia de apurar prazos e concretar as medidas e os movementos. "Sabemos da complexidade xurídica dunha operación deste tipo, por iso os gobernos teñen que redobrar esforzos e nós temos a man tendida para colaborar e facer as achegas necesarias en todo o que poidamos", engadiu.

A este respecto, insistiu na necesidade de coordinar as actuacións e sincronizar tempos entre a representación dos traballadores/as, o goberno español e a Xunta, para conseguir frear os plans de desmantelamento de Alcoa e, no máis inmediato, que a empresa non aplique o ERE. Neste senso, lembrou que, de estar derrogada a reforma laboral, a decisión non estaría en exclusiva en mans de Alcoa senón que requiriría da autorización administrativa previa.

De igual maneira, o secretario xeral da CIG demandou establecer un calendario de reunións da mesa e axilidade na celebración dos encontros porque "o tempo bótasenos enriba e sobre a realidade do dereito hai unha realidade de feito, que é o que Alcoa pode facer nos próximos días, o impacto que teñan as súas decisións e como iso se manifeste para o desenvolvemento deste conflito".

Loita infatigábel dos traballadores/as

Mentres, os traballadores e as traballadoras continúan incansábeis coas mobilizacións  e tanto o persoal da principal como o das auxiliares está en folga indefinida e realizando un control permanente á porta da fábrica para evitar que poida entrar material destinado á parada das cubas, así como impedir a saída de aluminio da factoría, agás para aqueles sectores esenciais como farmacéutico ou aliminentación.

O persoal está recibindo apoios de todo tipo e onte mesmo membros do comité de XEAL (antiga Ferroatlántica de Cee, Dumbría e centrais hidroeléctricas) achegáronse até San Cibrao para trasladarlle a súa solidariedade aos compañeiros e compañeiras na loita en defensa dos empregos e da continuidade da produción.