A CIG recoñece co Premio 10 de Marzo a loita das traballadoras e traballadores da conserva

Paulo Carril lamenta que un goberno de esquerdas aplique “políticas de dereitas”
Nacional - 17 Mar 2023

A CIG outorgou o Premio 10 de Marzo ao persoal do sector conserveiro, que coa súa determinación logrou trasladar por vez primeira as negociacións do convenio a Galiza e foi quen de forzar á patronal a asinar un acordo “histórico” que recolle importantes melloras laborais, garante o poder adquisitivo e avanza na eliminación da fenda salarial.  Xunto a isto, a central sindical acordou conceder unha Mención especial, á loita dos traballadores e das traballadoras do Metal da provincia da Coruña.

Loitas ambas que a CIG considera exemplares e das que Paulo Carril, que foi o encargado de facer entrega dos premios salientou, no caso das traballadoras e traballadores da conserva, que durante o conflito demostraron, unha vez máis, a súa capacidade de mobilización, secundando masivamente as tres xornadas de folga convocadas e participando de xeito activo nas mobilizacións.

Do mesmo xeito, o persoal do Metal conseguiu, despois de sete xornadas de folga nas que se paralizou a actividade no sector, frear os recortes de dereitos que pretendía impor a patronal e conquistar un convenio colectivo que garante os incrementos salariais conforme o IPC real, recoñece a subrogación para todo o sector, non acepta os contratos fixos-discontinuos a tempo parcial e avanzar na redución da temporalidade coa non prolongación dos contratos eventuais.

Ademais, Carril fixo mención especial, en representación de toda a central sindical, a Agustín Malvido ao que expresou “o agradecemento da CIG á súa contribución á causa da emancipación da clase traballadora galega e dunha Galiza ceibe”.

O secretario Xeral da CIG foi o encargado de pechar o acto cunha intervención na que fixo un percorrido pola crítica situación económica e social actual e polas consecuencias que isto está a ter na clase traballadora, mais tamén polas políticas que se teñen adoptado por parte do goberno español que entra xa no seu último ano de lexislatura.

Así,  Carril advertiu que a intensidade da crise vai avanzando, mentres a inflación, que en Galiza supera a media do Estado, segue a estar desenfrenada, cos prezos dos bens e produtos básicos disparados, o que está a provocar un maior empobrecemento das maiorías sociais. Nese sentido denunciou que se está a producir unha maior caída da renda, até o punto que a capacidade adquisitiva dos salarios se sitúa en termos do ano 1996.

Un contexto no que lembrou que, en Galiza, os sectores económicos están en crise, con comarcas enteiras agonizando e cunha nova ofensiva eólica que, alertou, “terá graves consecuencias para o futuro do país”, que nin vai crear emprego, nin vai favorecer un desenvolvemento sostíbel.

Respecto do goberno galego, considerou que Rueda está a ser aínda peor que Feixó, e canto ao goberno español, lamentou que non se cumpriran as expectativas de cambio,porque nin se derrogaron as reformas laborais de 2010 e 2012, que tanta precariedade e rebaixa dos salarios provocan; nin se derrogou a lei mordaza, reforzándose ademais a capacidade represiva do Estado coa modificación no Código Penal do delito de orden pública agravada. Políticas que considerou “máis lesivas do punto de vista social, mais tamén de liberdades públicas”.

Acusou ao goberno de ser submiso e “servil” ás directrices emanadas da UE, aplicando políticas económicas e sociais neoliberais como as que “faría un goberno de dereitas” e cumprindo todas as exixencias que traen consigo os fondos europeos. Denunciou, por iso, a nova reforma das pensións que “consolida e amplía” a reforma de 2011, introducindo elementos “perversos”, como a atribución de competencias que se lle fai a AIREF. Un organismo nacido coa intervención da UE do Estado español polo rescate bancario que se encargará de supervisar, cada tres anos, como se aplican as medidas e se se garante o equilibrio de ingresos e gastos, podendo adoptar medidas para garantir ese equilibrio.

Carril denunciou que isto terá consecuencias “brutais” porque “é como asinar unha cláusula de descolgue salarial permanente, mecánica e automática en función de que se dean unha serie de variables”.

O secretario xeral da CIG chamou a seguir utilizando a negociación colectiva non só para frear os efectos da reforma laboral, senón tamén para mellorar o poder adquisitivo dos salarios ante a carestía da vida e a inflación; a continuar reclamando medidas urxentes contra a pobreza, contra a carestía da vida, na defensa do emprego, dos salarios, de pensións e servizos públicos dignos.

E fronte a isto rexeitou con contundencia que se poida chegar a un acordo de negociación colectiva en base á proposta formulada por UGT e CCOO que supón unha “renuncia absoluta” ao IPC como elemento determinante para a revisión dos salarios e ligar o seu incremento ao resultado económico das empresas.

Premio 10 de Marzo á loita do persoal da conserva

Premios 10 de Marzo: Mención especial á loita do persoal do metal da Coruña