A CIG recorre os pagos por prolongación de xornada nas prisións como complemento de produtividade

Denuncia que estas actuacións pretenden agochar a falta de persoal

Nacional -

O subsector de Prisións da CIG-Administración presentou un recurso administrativo contra a Instrución 11-19 da Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias para retribuír, como complemento de produtividade, servizos realizados en prolongación de xornada ou en quenda distinta da habitual. Dende a central denuncian que estas actuacións pretenden agochar o feito de que os cadros de persoal resultan insuficientes para atender o traballo ordinario nas quendas establecidas.

Segundo explican a federación de Administración da CIG, o secretario xeral de Institucións Penitenciarias, “ao amparo do disposto no artigo 286.2 do Regulamento Penitenciario que permite esixir, por necesidades excepcionais e xustificadas, un maior número de horas das establecidas con carácter xeral e escudándose nunha negociación inexistente, aprobou unha resolución para retribuír, con complemento de produtividade, servizos realizados en prolongación de xornada ou en quenda distinta da habitual que corresponda”.

Falta de persoal 

Dende a central sinalan que non existiu a obrigada negociación e que non se trata de algo excepcional

Na central argumentan a decisión sinalando que non existiu a obrigada negociación, a prolongación de horario en quendas extraordinarias non resulta ser excepcional e o complemento de produtividade non é o legalmente establecido para retribuír o exceso de xornada.

Ao mesmo tempo, denuncian que estas actuacións pretenden agochar o feito de que os cadros de persoal resultan “totalmente insuficientes” para poder atender o traballo ordinario nas quendas establecidas, “substituíndo a necesidade de facer ofertas de emprego para a contratación de persoal de novo ingreso con ampliación das xornadas, de xeito ordinario, do escaso persoal existente”. E isto sen ter en consideración as consecuencia que para a saúde e a integridade física dos traballadores/as pode ter a obriga de realizar estas quendas extraordinarias.

Volver