A CIG recorre o nomeamento da gobernanta da residencia de Sarria por non axustarse á legalidade

Este persoal ten recoñecida por sentenza a súa condición de persoal do Concello polo que as coberturas deben cumprir co EBEP
Sarria - 04 Out 2019

A CIG presentou por rexistro ante o Concello de Sarria reclamación contra o nomeamento mediante decreto do concelleiro de Servizos Sociais da gobernanta para a residencia "Nosa Señora do Carme". Hai que lembrar que o persoal deste centro ten gañado, mediante sentenza xudicial, a súa condición de persoal do Concello, polo que as contratacións e nomeamentos do persoal deben de cumprir co establecido no Estatuto Básico do Empregado/a Público/a.

A CIG conta con dous representantes no comité de Empresa, a quen non lles foi comunicado dito nomeamento, nin os seus criterios, nin as necesidades. Por iso, para a central sindical este nomeamento falta absolutamente á legalidade, "posto que entendemos que dito posto non se pode cubrir mediante decretazo ou dedazo, senón que debe de ser cuberto mediante un proceso de selección, ben sexa concurso-oposición, oposición, ou concurso".

Igualmente, subliña o secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto, dito nomeamento incumpre os preceptos constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, esixíbeis nos proceso de contratación pública.

"É por iso que presentamos reclamación ante o Concello de Sarria para que proceda a repoñer a legalidade e proceda a cubrir dita praza, se así o estima convinte, de xeito procedente e axustado á lei", apunta. No caso contrario, a CIG verase na obriga de continuar o camiño da reclamación e presentar demanda nos xulgados do Contencioso-Administrativo de Lugo.